A PAIXÓN QUE ANIMOU A XESÚS
Propiamente, Xesús non ensinou unha «doutrina relixiosa» para que os seus discípulos a aprendesen de cor e a difundisen correctamente. Xesús anuncia máis ben un «acontecemento» que pide ser acollido, pois iso pode cambiar todo. El estao xa experimentando: «Deus está a introducirse na vida coa súa forza salvadora. Hai que facerlle sitio».
Segundo o evanxeo máis antigo, Xesús proclamaba esta Boa Noticia de Deus: «Cumpriuse o prazo! Está perto o reino de Deus. Convertédevos e crede a Boa Noticia». É un bo resumo da mensaxe de Xesús: «Avecíñase un tempo novo. Deus non quere deixarnos sós fronte aos nosos problemas e desafíos. Quere construír conxuntamente connosco unha vida máis humana. Cambiade de maneira de pensar e de actuar. Vivide crendo esta Boa Noticia».
Os expertos pensan que isto que Xesús chama «Reino de Deus» é o corazón da súa mensaxe e a paixón que alenta toda a súa vida. O sorprendente é que Xesús nunca explica directamente en que consiste o «reino de Deus». O que fai é suxerir en parábolas inesquecíbeis como actúa Deus. E como sería a vida se houbese xente que actuase coma el.
Para Xesús, o «reino de Deus» é a vida tal como a quere construír Deus. Ese era o lume que el levaba dentro. Como sería a vida no Imperio, se en Roma reinase Deus e non o Tiberio? Como cambiarían as cousas se se imitase non ao Tiberio, que só busca poder, riqueza e honra, senón a Deus, que pide xustiza e compaixón para os últimos?
Como sería a vida nas aldeas de Galilea se en Tiberíades reinase Deus e non o Antipas? Como cambiaría todo se a xente se parecese non aos grandes terratenentes, que explotan aos campesiños, senón a Deus, que os quere ver comendo e non mortos de fame?
Para Xesús, o reino de Deus non é un soño. É o proxecto que Deus quere levar adiante no mundo. O único obxectivo que han ter os seus seguidores. Como sería a Igrexa se se dedicase só a construír a vida tal como a quere Deus, non como a queren os amos do mundo? Como seriamos os cristiáns se vivísemos converténdonos ao Reino de Deus? Como loitariamos polo «pan de cada día» para todo ser humano? Como gritariamos: «Veña o teu reino»?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire