A PRIMEIRA MIRADA
A primeira mirada de Xesús non se dirixe ao pecado das persoas, senón ao sufrimento que arruína as súas vidas. O primeiro que toca o seu corazón non é o pecado, senón a dor, a opresión e a humillación que padecen homes e mulleres. O noso maior pecado consiste precisamente en pechármonos ao sufrimento dos demais para pensarmos só no propio benestar.
Xesús séntese «unxido polo Espírito» dun Deus que se preocupa dos que sofren. É ese Espírito quen o empuxa a dedicar a súa vida enteira a liberar, aliviar, sandar, perdoar: «O Espírito do Señor está sobre min, porque el unxiume. Envioume para dar a Boa Noticia aos pobres, para anunciar aos cativos a liberdade e aos cegos a vista, para dar liberdade aos oprimidos, para anunciar o ano de graza do Señor».
Este programa de Xesús non foi sempre o dos cristiáns. A teoloxía cristiá dirixiu máis a súa atención ao pecado das criaturas do que ao seu sufrimento. O coñecido teólogo Johann Baptist Metz denunciou repetidamente este grave desprazamento: «A doutrina cristiá da salvación ten dramatizado demasiado o problema do pecado, mentres relativizou o problema do sufrimento». É así. Moitas veces a preocupación pola dor humana ficou atenuada pola atención á redención do pecado.
Os cristiáns non cremos en calquera Deus, senón no Deus atento ao sufrimento humano. Fronte á «mística de ollos pechados», propia da espiritualidade do Oriente, envorcada sobre todo na atención ao interior, quen segue a Xesús séntese chamado a cultivar unha «mística de ollos abertos» e unha espiritualidade de responsabilidade absoluta para atendermos á dor dos que sofren.
Ao cristián verdadeiramente espiritual –«unxido polo Espírito»– véselle, o mesmo do que a Xesús, onda os desvalidos e humillados. O que lle caracteriza non é tanto a comunicación íntima co Ser supremo canto o amor a un Deus Pai que o envía cara aos seres máis pobres e abandonados. Como lembrou o cardeal Martini, nestes tempos de globalización, o cristianismo ha de globalizar a atención ao sufrimento dos pobres da Terra.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire