UN BERRO MOLESTO
Xesús sae de Xericó camiño de Xerusalén. Vai acompañado dos seus discípulos e de máis xente. De súpeto escóitanse uns gritos. É un esmoleiro cego que, desde as beiras do camiño, se dirixe a Xesús: «¡Fillo de David, ten compaixón de min!».
A súa cegueira impídelle gozar da vida coma os demais. El nunca poderá peregrinar ata Xerusalén. Ademais, xa lle pecharían as portas do templo: os cegos non podían entrar no recinto sagrado. Excluído da vida, marxinado pola xente, esquecido polos representantes de Deus, só lle resta pedir compaixón a Xesús.
Os discípulos e seguidores irrítanse e alporízanse. Aqueles gritos interrompen a súa marcha tranquila cara a Xerusalén. Non poden escoitaren con paz as palabras de Xesús. Aquel pobre molesta. Hai que acalarlle os seus berros: Por iso «moitos lle regañaban para que calase».
A reacción de Xesús é moi diferente. Non pode seguir o seu camiño ignorando o sufrimento daquel home. «Detense». Fai que todo o grupo pare e pídelles que chamen ao cego. Os seus seguidores non poden camiñar tras del sen escoitaren as chamadas dos que sofren.
A razón é sinxela. Xesús está a dicilo de mil xeitos, en parábolas, exhortacións e ditos soltos: o centro da mirada e do corazón de Deus son os que sofren. Por iso el acólleos e vólvese cara a eles dun xeito preferente. A súa vida é, antes nada, para os maltratados pola vida ou polas inxustizas: os condenados a viviren sen esperanza.
Moléstannos os gritos e chamadas dos que viven mal. Pódenos irritar atopalos continuamente nas páxinas do evanxeo. Pero non nos está permitido «afogarmos» a súa mensaxe. Non hai Igrexa de Xesús sen escoitar aos que sofren.
Están no noso camiño. Podémolos atopar en calquera momento. Moi preto de nós ou máis lonxe. Piden axuda e compaixón. A única postura cristiá é a de Xesús ante o cego: «Que queres que faga por ti?». Esta debería ser a actitude da Igrexa ante o mundo dos que sofren: que queres que faga por ti?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




