AMIGO DA VIDA
«Deus é amigo da vida». Esta era unha das conviccións básicas de Xesús. Por iso, discutindo un día con un grupo de saduceos, que negaban a resurrección, confesou claramente a súa fe: «Deus non é Deus de mortos, senón de vivos».
Xesús non se pode nin imaxinar que a Deus lle vaian morrendo as súas criaturas; que, despois duns anos de vida, a morte vaia deixando sen vida os seus fillos e fillas queridos. Non é posíbel. Deus é fonte inesgotábel de vida. Deus crea aos viventes, cóidaos, deféndeos, compadécese deles e rescata a súa vida do pecado e da morte.
Probabelmente Xesús non leu nunca o libro da Sabedoría, escrito cara ao ano 50 a. C. en Alexandría, pero a súa mensaxe acerca de Deus lembra unha páxina inesquecíbel deste sabio xudeu que escribe así: «Ti compadéceste de todos, porque o podes todo; pechas os ollos aos pecados dos homes para que se arrepintan. Amas a todos os seres e non aborreces nada do que fixeches; se odiases algunha cousa, non a crearías. Como conservarían a súa existencia se ti non os creases? Pero ti perdoas a todos porque son teus, Señor, amigo da vida» (Sabedoría 11,23-26).
Deus é amigo da vida. Por iso se compadece de todos os que non saben ou non poden vivir de maneira digna. Chega mesmo a «pechar os ollos» aos pecados dos homes para que descubran de novo o camiño da vida. Non aborrece nada do que creou. Ama a todos os seres; senón non os faría. Perdoa a todos, compadécese de todos, quere a vida de todos, porque todos son seus.
Como non amamos con máis paixón a creación enteira? Por que non coidamos e defendemos con máis forza a vida de todos os seres de tanta depredación e agresión? Por que non nos compadecemos de tantos «excluídos» para os que este mundo non é a súa casa? Como podemos seguir pensando que o noso benestar é máis importante do que a vida de tantos homes e mulleres que se senten estraños e sen sitio nesta Terra creada por Deus para eles?
É incríbel que non captemos o absurdo da nosa relixión cando cantamos ao Creador e Resucitador da vida e, ao mesmo tempo, contribuímos a xerar fame, sufrimento e degradación nas súas criaturas.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




