NON ENTERRAR A VIDA
A parábola dos talentos é seguramente unha das máis coñecidas. Antes de saír de viaxe, un señor confía os seus bens a tres empregados. Os dous primeiros póñense de inmediato a traballar. Cando o señor regresa, preséntanlle os resultados: ambos duplicaron os talentos recibidos. O seu esforzo é premiado con xenerosidade, pois souberon responder ás expectativas do seu señor.
A actuación do terceiro empregado é estraña. O único que se lle ocorre é «esconder baixo terra» o talento recibido e conservalo seguro ata o final. Cando chega o señor, entrégallo pensando que respondeu fielmente aos seus desexos: «Aquí tes o teu». O señor condénao. Este empregado «neglixente e folgazán» non entendeu nada. Só pensou na súa seguridade.
A mensaxe de Xesús é clara. Non ao conservadurismo, si á creatividade. Non a unha vida estéril, si á resposta activa a Deus. Non á obsesión pola seguridade, si ao esforzo arriscado por transformar o mundo. Non á fe enterrada baixo o conformismo, si ao seguimento comprometido a Xesús.
É moi tentador vivirmos sempre evitando problemas e buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a vida, defender o noso pequeno benestar. Non hai mellor forma de vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte.
O mesmo sucede na vida cristiá. O noso maior risco non é saírnos dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a nosa fe e apagar a frescura do evanxeo Temos de preguntarnos que estamos a sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos o sufrimento.
Sería un erro presentármonos ante Deus coa actitude do terceiro servo: «Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o proxecto do teu reino, a túa mensaxe de amor aos que sofren. Conservámolo fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu reino no mundo. Non quixemos correr riscos. Pero aquí o tes intacto».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire