O MEDO A CORRER RISCOS
Con frecuencia enténdese a relixión como un sistema de crenzas e prácticas que serven para protexerse contra Deus, pero non axudan a vivir de maneira creativa. Esta relixión conduce a unha vida triste e estéril onde o importante é vivirmos seguros ante Deus, pero onde falta alegría e dinamismo.
Hai que dicilo sen reviravoltas. No fondo desa relixión só hai medo. Quen busca protexerse de Deus é que lle ten medo. Esa persoa non ama a Deus, non confía nel, non goza da súa misericordia. Só lle teme, e por iso busca na relixión remedio para os seus medos e pantasmas.
Despois de Xesús non temos xa dereito a entendermos e vivirmos así o relixioso. Deus non é un tirano que atemoriza aos homes buscando egoistamente o seu propio interese, senón un Pai que lle confía a cada un o gran agasallo da vida. Por iso Xesús imaxina aos seus seguidores non como «observantes piadosos» dunha relixión, senón como crentes audaces dispostos a correr riscos e superar dificultades para «crear» unha vida máis digna e ditosa para todos. Un discípulo de Xesús séntese chamado a todo menos a enterrar a súa vida de maneira estéril.
O terceiro servo da parábola é condenado, non por facer algo malo, senón porque, paralizado polo medo ao seu señor, «enterra» os talentos que se lle confiaron. A mensaxe é clara. A Deus non se lle pode devolver a vida dicindo: «Aquí está o teu. A vida que me deches non serviu para nada». É un erro vivir unha vida «relixiosamente correcta», sen arriscarnos a vivir o amor de maneira máis audaz e creativa.
Quen só busca coidar a súa vida, protexela e defendela, bótaa a perder. Quen non segue as aspiracións máis nobres do seu corazón por medo a fracasar, xa está a fracasar. Quen non toma iniciativa algunha por medo a equivocarse, xa se está equivocando. Quen só se dedica a conservar a súa virtude e a súa fe, corre o risco de enterrar a súa vida. Ao final non cometeriamos grandes erros, pero non viviriamos.
Xesús é unha invitación para vivir intensamente. Ao único que habemos temer é a vivirmos sempre con medo a arriscarnos, con temor a saírnos do «correcto», sen audacia para renovarnos, sen valor para actualizar o evanxeo, sen fantasía para inventar o amor cristián.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




