CONVICCIÓNS CRISTIÁS
Aos poucos xa ían morrendo os discípulos que coñeceran a Xesús. Os que quedaban, crían nel sen telo visto. Celebraban a súa presenza invisíbel nas eucaristías. Pero, cando verían o seu rostro cheo de vida? Cando se cumpriría o seu desexo de atopárense con el para sempre?
Seguían recordando con amor e con fe as palabras de Xesús. Eran o seu alimento naqueles tempos difíciles de persecución. Pero, cando poderían comprobar a verdade que encerraban? Non se irían esquecendo aos poucos? Pasaban os anos e non chegaba o Día Final tan esperado, que podían pensar?
O discurso apocalíptico que atopamos en Marcos quere ofrecer algunhas conviccións que han alimentar a súa esperanza. Non o habemos entender en sentido literal, senón tratando de descubrirmos a fe contida nesas imaxes e símbolos que hoxe nos resultan tan estraños.
Primeira convicción: A historia apaixonante da Humanidade chegará un día ao seu fin
O «sol» que sinala a sucesión dos anos apagarase. A «lúa» que marca o ritmo dos meses xa non brillará. Non haberá días e noites, non haberá tempo. Ademais, «as estrelas caerán do ceo», a distancia entre o ceo e a terra borrarase, xa non haberá espazo. Esta vida non é para sempre. Un día chegará a Vida definitiva, sen espazo nin tempo. Viviremos no Misterio de Deus.
Segunda convicción: Xesús volverá e os seus seguidores poderán ver por fin o seu rostro desexado: «verán vir ao Fillo do Home»
O sol, a lúa e os astros apagaranse, pero o mundo non ficará sen luz. Será Xesús quen o iluminará para sempre poñendo verdade, xustiza e paz na historia humana tan escrava hoxe de abusos, inxustizas e mentiras.
Terceira convicción: Xesús traerá consigo a salvación de Deus
Chega co poder grande e salvador do Pai. Non se presenta con aspecto ameazador. O evanxelista evita falar aquí de xuízos e condenas. Xesús vén «reunir aos seus elixidos», os que esperan con fe a súa salvación.
Cuarta convicción: As palabras de Xesús «non pasarán»
Non perderán a súa forza salvadora. Han seguir alimentando a esperanza dos seus seguidores e o alento dos pobres. Non camiñamos cara á nada e o baleiro. Espéranos o abrazo con Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire