POÑERÁSELLE POR NOME XESÚS
Entre os hebreos non se lle poñía ao recentemente nacido un nome calquera, de forma arbitraria. Pois o «nome», como en case todas as culturas antigas, indica o ser da persoa, a súa verdadeira identidade, o que se espera dela.
Por iso o evanxelista Mateu ten tanto interese en explicar desde o comezo aos seus lectores o significado profundo do nome de quen vai ser o protagonista do seu relato. O «nome» dese neno que aínda non naceu é «Xesús», que significa «Deus salva». Chamarase así porque «salvará ao seu pobo dos pecados».
No ano 70, Vespasiano, designado como novo emperador mentres estaba a sufocar a rebelión xudía, marcha cara a Roma, onde é recibido e aclamado con dous nomes: «Salvador» e «Benfeitor». O evanxelista Mateu quere deixar as cousas claras. O «salvador» que necesita o mundo non é Vespasiano, senón Xesús.
A salvación non nos chegará de ningún emperador nin de ningunha vitoria dun pobo sobre outro. A humanidade necesita ser salvada do mal, das inxustizas e da violencia; necesita ser perdoada e reorientada cara a unha vida máis digna do ser humano. Esta é a salvación que se nos ofrece en Xesús.
Mateu asígnalle ademais outro nome: «Emmanuel». Sabe que ninguén foi chamado así ao longo da historia. É un nome chocante, absolutamente novo, que significa «Deus connosco». Un nome que lle atribuímos a Xesús os que cremos que, nel e desde el, Deus acompáñanos, bendícenos e sálvanos.
As primeiras xeracións cristiás levaban o nome de Xesús gravado no seu corazón. Repetíano unha e outra vez. Bautizábanse no seu nome, reuníanse a orar no seu nome. Para Mateu, o nome de Xesús é unha síntese da súa fe. Para Paulo, nada hai máis grande. Segundo un dos primeiros himnos cristiáns, «ante o nome de Xesús hase dobrar todo xeonllo» (Filipenses 2,10).
Despois de vinte séculos, os cristiáns temos de aprender a pronunciarmos o nome de Xesús de maneira nova: con agarimo e amor, con fe renovada e en actitude de conversión. Co seu nome nos nosos beizos e no noso corazón podemos vivir e morrer con esperanza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



