NON NECESITAMOS
A DEUS ENTRE NÓS?
Hai unha pregunta que todos os anos me anda a roldar polo maxín desde que comezo a observar nas rúas os preparativos que anuncian a proximidade do Nadal: Que pode aínda haber de verdade no fondo desas festas tan estragadas por intereses consumistas e pola nosa propia mediocridade?
Non son o único. A moitas persoas escóitolles falar da superficialidade do Nadal, da perda do seu carácter familiar e doméstico, da vergoñosa manipulación dos símbolos relixiosos e de tantos excesos e despropósitos que deterioran hoxe o Nadal.
Pero, ao meu xuízo, o problema é máis fondo. Como pode celebrar o misterio dun «Deus feito home» unha sociedade que vive practicamente de costas a Deus, e que destrúe de tantas maneiras a dignidade do ser humano?
Como pode celebrar «o nacemento de Deus» unha sociedade na que o tan soado profesor francés G. Lipovetsky, ao describir a actual indiferenza, puido dicir estas palabras: «Deus morreu, as grandes finalidades extínguense, pero a todo o mundo dálle igual, é esta a feliz noticia»?
Ao parecer, son bastantes as persoas ás que lles dá exactamente igual crer ou non crer, ouvir que «Deus morreu» ou que «Deus naceu». A súa vida segue funcionando coma sempre. Non parecen necesitaren xa de Deus.
E, con todo, a historia contemporánea está a obrigarnos xa a facérmonos algunhas graves preguntas. Hai algún tempo falábase de «a morte de Deus»; hoxe fálase «da morte do home». Hai algúns anos proclamábase «a desaparición de Deus»; hoxe anúnciase «a desaparición do home». Non será que a morte de Deus arrastra consigo de maneira inevitábel a morte do home?
Expulsado Deus das nosas vidas, encerrados nun mundo creado por nós mesmos e que non reflicte senón as nosas propias contradicións e miserias, quen nos pode dicir quen somos e que é o que realmente queremos?
Non estamos a necesitarmos que Deus naza de novo entre nós, que brote nas nosas conciencias con luz nova, que se abra camiño no medio dos nosos conflitos e contradicións?
Para atopármonos con ese Deus non hai que ir moi lonxe. Abonda con achegármonos silenciosamente a nós mesmos. Basta profundar nos nosos interrogantes e anhelos máis fundos.
Esta é a mensaxe do Nadal: Deus está preto de ti, onde ti estás, con tal de que te abras ao seu Misterio. O Deus inaccesíbel fíxose humano e a súa proximidade misteriosa envólvenos. En cada un de nós pode nacer Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire