A TRAXEDIA DUN PAI BO
Exéxetas contemporáneos abriron unha nova vía de lectura da parábola chamada tradicionalmente do «fillo pródigo», para descubrirmos nela a traxedia dun pai que, malia o seu amor «incríbel» polos seus fillos, non logra construír unha familia unida. Esa sería, segundo Xesús, a traxedia de Deus.
A actuación do fillo menor é «imperdoábel». Dá por morto ao seu pai e pídelle a parte da súa herdanza. Deste xeito rompe a solidariedade do fogar, bota por terra o honor da familia e pon en perigo o seu futuro ao forzar o reparto das terras. Os oíntes deberon de ficar escandalizados ao veren que o pai, respectando a senrazón do seu fillo, poñía en risco o seu propio honor e autoridade. Que clase de pai é este?
Cando o mozo, destruído pola fame e a humillación, regresa á casa, o pai volve sorprender a todos. «Conmovido» corre ao seu encontro e bícao efusivamente diante de todos. Esquécese da súa propia dignidade, ofrécelle o perdón antes de que el se declare culpábel, restabléceo no seu honor de fillo, protéxeo do rexeitamento dos veciños e organiza unha festa para todos. Por fin poderán vivir en familia de xeito digno e ditoso.
Desgraciadamente tamén está a faltar o fillo maior, un home de vida correcta e ordenada, pero de corazón duro e resentido. Ao chegar á casa humilla publicamente ao seu pai, intenta destruír ao seu irmán e exclúese da festa. En todo caso festexaría algo «cos seus amigos», non co seu pai e o seu irmán.
O pai sae tamén ao seu encontro e revélalle o desexo máis fondo do seu corazón de pai: ver aos seus fillos sentados á mesma mesa, compartindo amistosamente un banquete festivo, por encima de enfrontamentos, odios e condenas.
Pobos enfrontados pola guerra, terrorismos cegos, políticas insolidarias, relixións de corazón endurecido, países afundidos na fame… Nunca compartiremos a Terra de xeito digno e ditoso se non nos miramos co amor compasivo de Deus. Esta mirada nova é o máis importante que podemos introducir hoxe no mundo os seguidores de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



