O OUTRO FILLO
Sen dúbida, a parábola máis engaiolante e enfeitizadora de Xesús é a do «pai bo», mal chamada «parábola do fillo pródigo». Precisamente este «fillo menor» atraeu sempre a atención de comentaristas e predicadores. A súa volta ao fogar e a acollida incríbel do pai conmoveron todas as xeracións cristiás.
Con todo, a parábola fala tamén do «fillo maior», un home que permanece xunto ao seu pai, sen imitar a vida desordenada do seu irmán, lonxe do fogar. Cando lle informan da festa organizada polo seu pai para acoller ao fillo perdido, fica desconcertado. O retorno do irmán non lle produce alegría, coma ao seu pai, senón rabia: «indignouse e negábase a entrar» na festa. Nunca se marchou de casa, pero agora séntese como un estraño entre os seus.
O pai sae a invitalo co mesmo agarimo co que acolleu ao seu irmán. Non lle berra nin lle dá ordes. Con amor humilde «trata de persuadilo» para que entre na festa da acollida. É daquela cando o fillo explota deixando ao descuberto todo o seu resentimento. Pasou toda a súa vida cumprindo ordes do pai, pero non aprendeu a amar como ama el. Agora só sabe esixir os seus dereitos e denigrar ao seu irmán.
Esta é a traxedia do fillo maior. Nunca se marchou de casa, pero o seu corazón estivo sempre lonxe. Sabe cumprir mandamentos pero non sabe amar. Non entende o amor do seu pai a aquel fillo perdido. El non acolle nin perdoa, non quere saber nada co seu irmán. Xesús termina a súa parábola sen satisfacer a nosa curiosidade: entrou na festa ou ficou fóra?
Envolvidos na crise relixiosa da sociedade moderna, habituámonos a falar de crentes e increntes, de practicantes e de afastados, de matrimonios bendicidos pola Igrexa e de parellas en situación irregular… Mentres nós seguimos clasificando aos seus fillos, Deus séguenos esperando a todos, pois non é propiedade dos bos nin dos practicantes. É Pai de todos.
O «fillo maior» é unha interpelación para quen creemos vivirmos xunto a el. Que estamos a facer quen non abandonamos a Igrexa? Asegurarmos a nosa supervivencia relixiosa observando o mellor posíbel o prescrito, ou sermos testemuñas do amor grande de Deus a todos os seus fillos e fillas?
Estamos a construír comunidades abertas que saben comprender, acoller e acompañar a quen busca a Deus entre dúbidas e interrogantes? Levantamos barreiras ou tendemos pontes? Ofrecémoslles amizade ou mirámolos con receo?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire