ACHEGÁRMONOS E COÑECÉRMONOS
Cando comezaron os conflitos entre os primeiros cristiáns e as disensións entre grupos e líderes diferentes, alguén sentiu a necesidade de recordar que, na comunidade de Xesús, só el é o Pastor bo. Non un pastor máis, senón o auténtico, o verdadeiro, o modelo a seguir por todos.
Esta bela imaxe de Xesús, Pastor bo, é unha chamada á conversión, dirixida a quen reivindican o título de «pastores» na comunidade cristiá. O pastor que se parece a Xesús, só pensa nas súas ovellas, non «foxe» ante os problemas, «non as abandona». Ao contrario, está cabo delas, deféndeas, desvívese por elas, «expón a súa vida» buscando o seu ben.
Ao mesmo tempo, esta imaxe é unha chamada á comuñón fraterna entre todos. O Bo Pastor «coñece» ás súas ovellas e as ovellas «coñéceno» a el. Só desde esta proximidade estreita, desde este coñecemento mutuo e esta comuñón de corazón, o Bo Pastor comparte a súa vida coas ovellas.
Cara a esta comuñón e mutuo coñecemento temos de camiñar tamén hoxe na Igrexa. Nestes momentos non fáciles para a fe, necesitamos coma nunca axuntarmos forzas, buscarmos xuntos criterios evanxélicos e liñas mestras de actuación para sabermos en que dirección temos de camiñar de xeito creativo cara ao futuro.
Con todo, non é isto o que está sucedendo. Fanse algunhas chamadas convencionais a vivir en comuñón, pero non estamos dando pasos para crearmos un clima de escoita mutua e diálogo. Ao contrario, crecen as descalificacións e disensións entre bispos e teólogos; entre teólogos de diferentes tendencias; entre movementos e comunidades de diverso signo; entre grupos e «blogs» de todo xénero?
Pero, talvez, o máis triste é ver como segue crecendo o distanciamento entre a xerarquía e o pobo cristián. Diríase que viven dous mundos diferentes. En moitos lugares os «pastores» e as «ovellas» apenas se coñecen. A moitos bispos non lles resulta fácil sintonizar coas necesidades reais dos crentes, para ofrecerlles a orientación e o alento que necesitan. A moitos fieis resúltalles difícil sentiren afecto e interese cara a uns pastores aos que ven afastados dos seus problemas.
Só crentes, cheos do Espírito do Bo Pastor, poden axudarnos a crearmos o clima de achegamento, mutua escoita, respecto recíproco e diálogo humilde que tanto necesitamos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire