ESCOITAR E SEGUIR A XESÚS
Era inverno, Xesús andaba paseando polo pórtico de Salomón, unha das galerías ao aire libre, que rodeaban a gran explanada do Templo. Este pórtico, en concreto, era un lugar moi frecuentado pola xente pois, ao parecer, estaba protexido contra o vento por unha muralla.
Ben axiña, un grupo de xudeus fan corro ao redor de Xesús. O diálogo é tenso. Os xudeus acósano coas súas preguntas. Xesús critícaos porque non aceptan a súa mensaxe nin a súa actuación. En concreto, dilles: «Vós non creedes porque non sodes das miñas ovellas». Que significa esta metáfora?
Xesús é moi claro: «As miñas ovellas escoitan a miña voz, e eu coñézoas; elas séguenme, e eu doulles a vida eterna». Xesús non forza a ninguén. El soamente chama. A decisión de seguilo depende de cada un de nós. Só se o escoitamos e o seguimos, establecemos con Xesús esa relación que leva á vida eterna.
Nada hai tan decisivo para ser cristián como tomar a decisión de vivir como seguidor ou seguidora de Xesús. O gran risco dos cristiáns foi sempre pretender selo, sen seguir a Xesús. De feito, moitos dos que se van ir afastando das nosas comunidades son persoas ás que ninguén axudou a tomar a decisión de viviren seguindo os seus pasos.
Con todo, esa é a primeira decisión dun cristián. A decisión que o cambia todo porque é comezar a vivir dun xeito novo a adhesión a Cristo e a pertenza á Igrexa: atopar, por fin, o camiño, a verdade, o sentido e a razón da fe cristiá.
E o primeiro para tomar esa decisión é escoitar a súa chamada. Ninguén se pon a camiño tralos pasos de Xesús seguindo a súa propia intuición ou os seus desexos de vivir un ideal. Comezamos a seguilo cando nos sentimos atraídos e chamados por Cristo. Por iso, a fe non consiste primordialmente en crer algo sobre Xesús senón en crelo a el.
Cando falta o seguimento de Xesús, coidado e reafirmado unha e outra vez no propio corazón e na comunidade crente, a nosa fe corre o risco de quedar reducida a unha aceptación de crenzas, unha práctica de obrigacións relixiosas e unha obediencia á disciplina da Igrexa.
É fácil entón instalármonos na práctica relixiosa, sen deixármonos cuestionar polas chamadas que Xesús nos fai desde o evanxeo que escoitamos cada domingo. Xesús está dentro desa relixión, pero non nos arrastra tralos seus pasos. Sen darnos conta, afacémonos a vivirmos de xeito rutineiro e repetitivo. Fáltanos a creatividade, a renovación e a alegría de quen viven esforzándose por seguir a Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire