NINGUÉN ESTÁ SÓ
Aínda hoxe dáse entre os cristiáns un certo «elitismo relixioso» que é indigno dun Deus que é amor infinito. Hai quen pensa que Deus é un Pai estraño que, aínda que ten millóns e millóns de fillos e fillas que van nacendo xeración tras xeración, en realidade só se preocupa de verdade dos seus «preferidos». Deus sempre actúa así: escolle un «pobo elixido», sexa o pobo de Israel ou a Igrexa, e céntrase totalmente nel, deixando aos demais pobos e relixións nun certo abandono.
Máis aínda. Afirmouse con toda tranquilidade que «fóra da Igrexa non hai salvación», citando frases como a tan coñecida de san Cibrao, que, sacada do seu contexto, resulta arrepiante: «Non pode ter a Deus por Pai o que non ten á Igrexa por Nai».
É certo que o Concilio Vaticano II superou esta visión indigna de Deus afirmando que « El non está lonxe de quen busca, entre sombras e imaxes, ao Deus descoñecido, posto que todos reciben del a vida, a inspiración e todas as cousas, e o Salvador quere que todos os homes se salven» (Lumen gentium 16). Pero unha cousa son estas afirmacións conciliares e outra os hábitos mentais que seguen dominando a conciencia de non poucos cristiáns.
Hai que dicilo con toda claridade. Deus, que crea a todos por amor, vive atento a todas e cada unha das súas criaturas. A todos chama e atrae cara á felicidade eterna en comuñón con el. Non houbo nunca un home ou unha muller que vivise sen que Deus o acompañase desde o fondo do seu mesmo ser. Alí onde hai un ser humano, calquera que sexa a súa relixión ou a súa agnosticismo, alí está Deus suscitando a súa salvación. O seu amor non abandona nin discrimina a ninguén. Como di san Paulo: «En Deus non hai acepción de persoas» (Romanos 2,11).
Rexeitado no seu propio pobo de Nazaré, Xesús lembra a historia da viúva de Sarepta e a de Naamán o sirio, ambos estranxeiros e pagáns, para facer ver así con toda claridade que Deus se preocupa dos seus fillos, aínda que non pertenzan ao pobo elixido de Israel. Deus non se axusta aos nosos esquemas e discriminacións. Todos son os seus fillos e fillas, os que viven na Igrexa e os que a deixaron. Deus non abandona a ninguén.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire