OS NOSOS MORTOS VIVEN
O adeus definitivo a un ser moi querido afúndenos inevitabelmente na dor e na impotencia. É coma se a vida enteira ficase destruída. Non hai palabras nin argumentos que nos poidan consolar. En que se pode esperar?
O relato de Xoán non ten só como obxectivo narrar a resurrección de Lázaro, senón, sobre todo, espertar a fe, non para que creamos na resurrección como un feito afastado que ocorrerá na fin do mundo, senón para que «vexamos» desde agora que Deus está infundindo vida aos que nós enterramos.
Xesús chega «chorando» ata o sepulcro do seu amigo Lázaro. O evanxelista di que «está cuberto cunha laxe». Esa laxe péchanos o paso. Non sabemos nada dos nosos amigos mortos. Unha pedra separa o mundo dos vivos e dos mortos. Só nos queda esperar o día final para ver se sucede algo.
Esta é a fe de Marta: «Sei que o meu irmán resucitará na resurrección do último día». A Xesús non lle basta. «Quitade a lousa». Imos ver que é o que sucede con quen enterrastes. Marta pídelle a Xesús que sexa realista. O morto xa empezou a descomporse e «cheira mal». Xesús respóndelle: «Se cres, verás a gloria de Deus». Se a fe esperta en Marta ela poderá «ver» que Deus está a dar vida ao seu irmán.
«Quitan a laxa». Xesús «dirixe os ollos ao alto», convidando a todos a elevar a mirada ata Deus, antes de penetrar con fe no misterio da morte. Deixou de saloucar. «Dá grazas» ao Pai porque «sempre o escoita». O que quere é que os que o rodean «crean» que é o Enviado polo Pai para introducir no mundo unha nova esperanza.
Logo «grita con voz potente: Lázaro, sal fóra». Quere que saia para mostrar a todos que está vivo. A escena é impactante. Lázaro ten «os pés e as mans atados con vendas» e «a cara envolta nun sudario». Leva os signos e ataduras da morte. Con todo, «o morto sae» en por si. Está vivo!
Esta é a fe de quen cree en Xesús: os que nós enterramos e abandonamos na morte viven. Deus non os abandonou. Apartemos a laxe con fe. Os nosos mortos están vivos!
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




