NON AMA IMPUNEMENTE
Poucas frases tan provocativas como as que escoitamos hoxe no evanxeo: «Se o gran de trigo non cae na terra e morre, ficaa infecundo; pero se morre dá moito froito». O pensamento de Xesús é claro. Non se pode procrear vida sen dar a propia. Non se pode facer vivir aos demais se un non está disposto a «desvivirse» polos outros. A vida é froito do amor, e brota na medida en que sabemos entregarnos.
No cristianismo non sempre se distinguiu con claridade entre aquel sufrimento que está nas nosas mans suprimir e o sufrimento que non podemos eliminar. Hai un sufrimento inevitábel, reflexo da nosa condición creatural, e que nos descobre a distancia que aínda existe entre o que somos e o que estamos chamados a ser. Pero hai tamén un sufrimento que é froito dos nosos egoísmos e inxustizas. Un sufrimento co que as persoas nos ferimos mutuamente.
É natural que nos apartemos da dor, que busquemos evitalo sempre que sexa posíbel, que loitemos por suprimilo de nós. E precisamente por iso hai un sufrimento que é necesario asumir na vida: o sufrimento aceptado como prezo do noso esforzo por facelo desaparecer de entre os homes. «A dor so é boa se leva adiante o proceso da súa supresión» (Dorothee Sölle).
É claro que na vida poderiamos evitarnos moitos sufrimentos, amarguras e desgustos. Bastaría con pechar os ollos ante os sufrimentos alleos e encerrármonos na procura egoísta do noso benestar. Pero sempre sería a un prezo demasiado elevado: deixando sinxelamente de amar.
Cando un ama e vive intensamente a vida, non pode vivir indiferente ao sufrimento grande ou pequeno das xentes. O que ama faise vulnerábel. Amar aos outros inclúe sufrimento, «compaixón», solidariedade na dor. «Non existe ningún sufrimento que nos poida ser alleo» (K. Simonow). Esta solidariedade dolorosa fai xurdir salvación e liberación para o ser humano. É o que descubrimos no Crucificado: salva quen comparte a dor e se solidariza con quen sofre.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire