NON LANZAR PEDRAS
En toda sociedade hai modelos de conduta que, explícita ou implicitamente, configuran o comportamento das persoas. Son modelos que determinan en gran parte o noso xeito de pensar, actuar e vivir.
Pensemos na ordenación xurídica da nosa sociedade. A convivencia social está regulada por unha estrutura legal que depende dunha determinada concepción do ser humano. Por iso, aínda que a lei sexa xusta, a súa aplicación pode ser inxusta se non se atende a cada home e cada muller na súa situación persoal única e irrepetíbel.
Ata na nosa sociedade pluralista é necesario chegarmos a un consenso que faga posíbel a convivencia. Por iso temos de ir configurando un ideal xurídico de cidadán, portador duns dereitos e suxeito dunhas obrigacións. E este ideal xurídico é o que se vai impondo con forza de lei na sociedade.
Pero esta ordenación legal, necesaria sen dúbida para a convivencia social, non pode chegar a comprender de xeito adecuado a vida concreta de cada persoa en toda a súa complexidade, a súa fraxilidade e o seu misterio.
A lei tratará de medir con xustiza a cada persoa, pero dificilmente poderá tratala en cada situación coma un ser concreto que vive e padece a súa propia existencia dun xeito único e orixinal.
Que cómodo é xulgar ás persoas desde criterios seguros. Que fácil e que inxusto é apelarmos ao peso da lei para condenar a tantas persoas marxinadas, incapacitadas para viviren integradas na nosa sociedade, conforme á «lei do cidadán ideal»: fillos sen verdadeiro fogar, mozos delincuentes, vagabundos analfabetos, drogadictos sen remedio, ladróns sen posibilidade de traballo, prostitutas sen amor algún, esposos fracasados no seu amor matrimonial…
Fronte a tantas condenas fáciles, Xesús invítanos a non condenar friamente aos demais desde a pura obxectividade dunha lei, senón a comprendelos desde nosa propia conduta persoal. Antes de arrebolar pedras contra ninguén, habemos saber xulgar o noso propio pecado. Quizá descubramos entón que o que moitas persoas necesitan non é a condena da lei, senón que alguén as axude e lles ofreza unha posibilidade de rehabilitación. O que a muller adúltera necesitaba non eran pedras, senón unha man amiga que lle axudase a erguerse. Xesús entendeuna.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



