NON DESVIÁRMONOS DE XESÚS
A imaxe é sinxela e de grande forza expresiva. Xesús é a «videverdadeira», chea de vida; os discípulos son «bacelos ou rebentos da vide» que viven da seiva que lles chega de Xesús; o Pai é o «viñador» que coida persoalmente a viña para que dea froito abundante. O único importante é que se vaia facendo realidade o seu proxecto dun mundo máis humano e feliz para todos.
A imaxe pon de relevo onde está o problema. Hai rebentos secos polos que non circula o zume de Xesús. Discípulos que non dan froitos porque non corre polas súas veas o Espírito do Resucitado. Comunidades cristiás que languidecen desconectadas da súa persoa.
Por iso se fai unha afirmación cargada de intensidade: «obacelo non pode dar froito se non permanece na vide»: a vida dos discípulos é estéril «se non permanecen» en Xesús. As súas palabras son categóricas: «Sen min non podedes facer nada». Non se nos está desvelando aquí a verdadeira raíz da crise do noso cristianismo, o factor interno que fende os seus cimentos como ningún outro?
A forma na que viven a súa relixión moitos cristiáns, sen unha unión vital con Xesús Cristo, non subsistirá por moito tempo: ficará reducida a «folklore» anacrónico que non aportará a ninguén a Boa Noticia do Evanxeo. A Igrexa non poderá levar a cabo a súa misión no mundo contemporáneo, se os que nos dicimos «cristiáns» non nos convertemos en discípulos de Xesús, animados polo seu espírito e a súa paixón por un mundo máis humano.
Ser cristián esixe hoxe unha experiencia vital de Xesús Cristo, un coñecemento interior da súa persoa e unha paixón polo seu proxecto, que non se requirían para ser practicante dentro dunha sociedade de cristiandade. Se non aprendemos a vivirmos con un contacto máis inmediato e apaixonado con Xesús, a decadencia do noso cristianismo pódese converter nunha enfermidade mortal.
Os cristiáns vivimos hoxe preocupados e distraídos por moitas cuestións. Non pode ser doutro xeito. Pero non habemos esquecer o esencial. Todos somos «bacelos». Só Xesús é «a verdadeira vide». O decisivo nestes momentos é «permanecermosnel»: aplicarmos toda a nosa atención ao Evanxeo; alimentar nos nosos grupos, redes, comunidades e parroquias o contacto vivo con el; non desviármonos do seu proxecto.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire