REVOLUCIÓN IGNORADA
Preséntanlle a Xesús unha muller sorprendida en adulterio. Todos coñecen o seu destino: será lapidada ata a morte segundo o establecido pola lei. Ninguén fala do adúltero. Como sucede sempre nunha sociedade machista, condénase á muller e descúlpase ao varón. O desafío a Xesús é frontal: «A lei de Moisés mándanos apedrar ás adúlteras. Ti que dis?».
Xesús non soporta aquela hipocrisía social alimentada pola prepotencia dos varóns. Aquela sentenza a matar non vén de Deus. Con sinxeleza e audacia admirábeis, introduce ao mesmo tempo verdade, xustiza e compaixón no xuízo á adúltera: «quen estea sen pecado, que arrebole a primeira pedra».
Os acusadores retíranse avergoñados. Eles saben que son os máis responsábeis dos adulterios que se cometen naquela sociedade. Entón Xesús diríxese á muller que acaba de escapar da execución e, con tenrura e respecto grande, dille: «Tampouco eu te condeno». Logo, anímaa a que o seu perdón se converta en punto de partida dunha vida nova: «Anda, e en diante non peques máis».
Así é Xesús. Por fin existiu sobre a terra alguén que non se deixou condicionar por ningunha lei nin poder opresivo. Alguén libre e magnánimo que nunca odiou nin condenou, nunca devolveu mal por mal. Na súa defensa e no seu perdón a esta adúltera hai máis verdade e xustiza do que nas nosas reivindicacións e condenas resentidas.
Os cristiáns non fomos capaces aínda de extraer todas as consecuencias que encerra a actuación liberadora de Xesús fronte á opresión da muller. Desde unha Igrexa dirixida e inspirada maioritariamente por varóns, non acertamos a tomarmos conciencia de todas as inxustizas que seguen a padeceren as mulleres en todos os ámbitos da vida. Algún teólogo falaba hai uns anos «da revolución ignorada» polo cristianismo.
O certo é que, vinte séculos despois, nos países de raíces supostamente cristiás, seguimos vivindo nunha sociedade onde con frecuencia a muller non pode moverse libremente sen temer ao varón. A violación, o maltrato e a humillación non son algo imaxinario. Ao contrario, constitúen unha das violencias máis enraizadas e que máis sufrimento xera.
Non ten de ter o sufrimento da muller un eco máis vivo e concreto nas nosas celebracións, e un lugar máis importante no noso labor de concienciación social? Pero, sobre todo, non temos de estarmos máis preto de toda muller oprimida para denunciarmos abusos, proporcionarmos defensa intelixente e protección eficaz?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire