CONTACTO VITAL
Segundo o relato evanxélico de Xoán, nas vésperas da súa morte, Xesús revela aos seus discípulos o seu desexo máis profundo: «Permanecede en min». Coñece a covardía deles e a mediocridade.En moitas ocasións recriminoulles a súa pouca fe. Se non se manteñen vitalmente unidos a el, non poderán subsistir.
As palabras de Xesús non poden ser máis claras e expresivas: «Como o sarmiento non pode dar froito en por si, se non permanece na vide, así tampouco vós se non permanecedes en min». Se non se manteñen firmes no que aprenderon e viviron cabo del, a súa vida será estéril. Se non viven do seu Espírito, comeza para eles a extinción.
Xesús emprega unha linguaxe rotunda: «Eu son a vide e vós os sarmientos». Polos discípulos ten de correr o zume que provén de Xesús. Nunca o han de esquecer: «O que permanece en min e eu nel, ese dá froito abundante, porque sen min non podedes facer nada». Separados de Xesús, os seus discípulos non podemos nada.
Xesús non só lles pide que permanezan nel. Dilles que «tamén as súas palabras permanezan neles». Que non as esquezan. Que vivan do seu evanxeo. Esa é a fonte da que han beber sempre. Xa llelo dixo noutra ocasión: «As palabras que vos dixen son espírito e vida».
O Espírito do Resucitado permanece hoxe vivo e operante na súa Igrexa de múltiples formas, pero a súa presenza invisíbel e calada adquire trazos visíbeis: é voz concreta, grazas ao recordo gardado nos relatos evanxélicos por quen o coñeceu de cerca e o seguiron. Nos evanxeos poñémonos en contacto coa súa mensaxe, o seu estilo de vida e o seu proxecto do reino de Deus.
Por iso, a forza máis poderosa que posúen as comunidades cristiás para rexenerar a súa vida encérrase nos evanxeos. E aí atopamos a enerxía que necesitamos para recuperarmos a nosa identidade de seguidores de Xesús. O evanxeo de Xesús é o instrumento pastoral máis importante para renovar hoxe á Igrexa.
Moitos cristiáns bos das nosas comunidades só coñecen os evanxeos de «segunda man». Todo o que saben de Xesús e da súa mensaxe provén do que puideron reconstruír a partir das palabras dos predicadores e catequistas. Viven a súa fe sen teren un contacto persoal con «as palabras de Xesús».
É difícil imaxinar unha «nova evanxelización» sen facilitarlle ás persoas un contacto máis directo e inmediato cos evanxeos. Nada ten máis forza evanxelizadora do que a experiencia de escoitarmos xuntos o evanxeo de Xesús desde as preguntas, os problemas, os sufrimentos e as esperanzas dos nosos tempos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire