NON SEPARARNOS DE XESÚS
A imaxe é sinxela e de gran forza expresiva. Xesús é a «vide verdadeira», chea de vida; os discípulos son os «bacelos» que viven do zume que lles chega de Xesús; o Pai é o «viñador» que coida persoalmente a viña para que dea froito abundante. O único importante é que se vaia facendo realidade o seu proxecto dun mundo máis humano e feliz para todos.
A imaxe pon de relevo onde está o problema. Hai bacelos secos polos que non circula o zume de Xesús. Discípulos que non dan froito porque non corre polos seus venas o Espírito do Resucitado. Comunidades cristiás que languidecen desconectadas da súa persoa.
Por iso fai unha afirmación cargada de intensidade: «O bacelo non pode dar froito se non permanece na vide»: a vida dos discípulos é estéril «se non permanecen en Xesús. As súas palabras son categóricas: «Sen min non podedes facer nada». Non se nos estará desvelando aquí a verdadeira raíz da crise do noso cristianismo, o factor interno que laña os seus cimentos como ningún outro?
A forma en que viven a súa relixión moitos cristiáns sen unha unión vital con Xesús Cristo non subsistirá por moito tempo: ficará reducida a folklore anacrónico que non aportará a ninguén a Boa Nova do evanxeo. A Igrexa non poderá levar a cabo a súa misión no mundo contemporáneo se os que nos dicimos «cristiáns» non nos convertemos en discípulos de Xesús, animados polo seu espírito e a súa paixón por un mundo máis humano.
Ser cristián esixe hoxe unha experiencia vital de Xesús Cristo, un coñecemento interior da súa persoa e unha paixón polo seu proxecto que non se requirían para ser practicante dentro dunha sociedade de cristiandade. Se non aprendemos a vivirmos dun contacto máis inmediato e apaixonado con Xesús, a decadencia do noso cristianismo pode converterse nunha enfermidade mortal.
Os cristiáns vivimos hoxe preocupados e distraídos por moitas cuestións. Non pode ser doutro xeito. Pero non habemos esquecer o esencial. Todos somos «bacelos». Só Xesús é «a verdadeira vide». O decisivo nestes momentos é «permanecer nel»: aplicar toda a nosa atención ao evanxeo; alimentar nos nosos grupos, redes, comunidades e parroquias o contacto vivo con el; non apartarnos do seu proxecto.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire