ALIVIARMOS O SUFRIMENTO
A enfermidade é unha das experiencias máis duras do ser humano. Non só padece o enfermo que sente a súa vida ameazada e sofre sen saber por que, para que, e ata cando. Sofre tamén a súa familia, os seres queridos e os que o atenden.
De pouco serven as palabras e explicacións. Que facer cando xa a ciencia non pode deter o inevitábel? Como afrontar o deterioro de xeito humano? Como estarmos xunto ao familiar ou o amigo gravemente enfermo?
O primeiro: achegármonos. A quen sofre non se lle pode axudar desde lonxe. Hai que estar cerca. Sen présas, con discreción e respecto total. Axudarlle a loitar contra a dor. Darlle forzas para que colabore cos que tratan de curalo.
Isto esixe acompañalo nas diversas etapas da enfermidade e nos diferentes estados de ánimo. Ofrecerlle o que necesita en cada momento. Non incomodarnos diante da súa irritabilidade. Ter paciencia. Permanecer cabo del.
É importante escoitalo. Que o enfermo poida contar e compartir o que leva dentro: as esperanzas frustradas, as súas queixas e medos, a súa angustia ante o futuro. É un respiro para o enfermo poder desafogarse con alguén de confianza. Non sempre é fácil escoitar. Require pórse no lugar do que sofre, e estar atentos ao que nos di coas súas palabras e, sobre todo, cos seus silencios, xestos e miradas.
A verdadeira escoita esixe acoller e comprender as reaccións do enfermo. A incomprensión fere profundamente a quen está sufrindo, salaia e se queixa. De nada serven consellos, razóns ou explicacións eruditas e ilustradas. Só a comprensión de quen acompaña con agarimo e respecto pode aliviar.
A persoa pode adoptar ante a enfermidade actitudes sas e positivas, ou pode deixarse destruír por sentimentos estériles e negativos. Moitas veces necesitará axuda para confiar e colaborar cos que o atenden, para non encerrarse só na súa dor, para ter paciencia consigo mesmo ou para ser agradecido.
O enfermo pode necesitar tamén reconciliarse consigo mesmo, curar feridas do pasado, dar un sentido máis fondo ao seu sufrimento, purificar a súa relación con Deus. O crente pode entón axudarlle a orar, a vivir con paz interior, a crer no seu perdón e a confiar no seu amor salvador.
O evanxelista Marcos dinos que as xentes levaban os seus enfermos e posuídos ata Xesús. El sabía acollelos con agarimo, espertar a súa confianza en Deus, perdoar o seu pecado, aliviar a súa dor e sandar a súa enfermidade. A súa actuación ante o sufrimento humano sempre será para os cristiáns o exemplo a seguir no trato aos enfermos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



