NON TEMAS
A culpa como tal non é algo inventado polas relixións. Constitúe unha das experiencias humanas máis antigas e universais. Antes que aflore o sentimento relixioso pódese percibir no ser humano esa sensación de «fallar» en algo. O problema non consiste na experiencia da culpa, senón no modo de afrontala.
Hai unha maneira sa de vivir a culpa. A persoa asume a responsabilidade dos seus actos, lamenta o dano que puido causar e esfórzase por mellorar no futuro a súa conduta. Vivida así, a experiencia da culpa forma parte do crecemento da persoa cara á súa madurez.
Pero hai tamén maneiras pouco sas de vivir esta culpa. A persoa encérrase na súa indignidade, fomenta sentimentos infantís de mancha e sucidade, destrúe a súa autoestima e anúlase. O individuo atorméntase, humíllase, loita consigo mesmo, pero ao final de todos os seus esforzos non se libera nin crece como persoa.
O propio do cristián é vivir a súa experiencia de culpa ante un Deus que é amor e só amor. O crente recoñece que foi infiel a ese amor. Isto dálle á súa culpa un peso e unha seriedade absoluta. Pero ao mesmo tempo libérao do afundimento, pois sabe que, aínda sendo pecador, é aceptado por Deus: nel pode atopar sempre a misericordia que salva de toda indignidade e fracaso.
Segundo o relato, Pedro, atafegado pola súa indignidade, lánzase aos pés de Xesús dicindo: «Apártate de min, Señor, que son un pecador». A resposta de Xesús non podía ser outra: «Non temas», non teñas medo de ser pecador e estar onda min. Esta é a sorte do crente: sábese pecador, pero sábese ao mesmo tempo aceptado, comprendido e amado incondicionalmente por ese Deus revelado en Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire