NON ESTAMOS ORFOS
Unha Igrexa formada por cristiáns que se relacionan cun Xesús mal coñecido, pouco amado e apenas lembrado de maneira rutineira, é unha Igrexa que corre o risco de irse extinguindo. Unha comunidade cristiá reunida ao redor dun Xesús apagado, que non seduce nin toca os corazóns, é unha comunidade sen futuro.
Na Igrexa de Xesús necesitamos urxentemente unha calidade nova na nosa relación con el. Necesitamos comunidades cristiás marcadas pola experiencia viva de Xesús. Todos podemos contribuír a que na Igrexa se sinta e se viva a Xesús de maneira nova. Podemos facer que sexa máis de Xesús, que viva máis unida a el. Como?
Xoán recrea no seu evanxeo a despedida de Xesús na última cea. Os discípulos intúen que dentro de moi pouco halles ser arrebatado. Que será deles sen Xesús? A quen han seguir? Onde alimentarán a súa esperanza? Xesús fálalles con tenrura especial. Antes de deixalos quere facerlles ver como poderán vivir unidos a el, mesmo despois da súa morte.
Primeiro de nada, ten de quedar gravado no seu corazón algo que non han de esquecer xamais: «Non vos deixarei orfos. Volverei». Non teredes de sentirvos nunca sos. Xesús fálalles dunha presenza nova que os envolverá e faralles vivir, pois haos alcanzará no máis íntimo do seu ser. Non os esquecerá. Virá e estará con eles.
Xesús non poderá xa ser visto coa luz deste mundo, pero poderá ser captado polos seus seguidores cos ollos da fe. Non habemos coidar e reavivar moito máis esta presenza de Xesús resucitado no medio de nós? Como imos traballar por un mundo máis humano e unha Igrexa máis evanxélica se non o sentimos a el xunto de nós?
Xesús fálalles dunha experiencia nova que ata o de agora non coñeceron os seus discípulos, mentres o seguían polos camiños de Galilea: «Saberedes que eu estou co meu Pai e vós comigo». Esta é a experiencia básica que sostén a nosa fe. No fondo do noso corazón cristián sabemos que Xesús está co Pai e nós estamos con el. Isto cámbiao todo.
Esta experiencia está alimentada polo amor: «Ao que me ama… eu tamén o amarei e revelareime a el». É posíbel seguirmos a Xesús tomando a cruz cada día sen amalo e sen sentírmonos amados entrañabelmente por el? É posíbel evitarmos a decadencia do cristianismo sen reavivarmos este amor? Que forza poderá mover á Igrexa se o deixamos apagar? Quen poderá encher o baleiro de Xesús? Quen poderá substituír a súa presenza viva no medio de nós?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




