ESTENDER A MAN
A felicidade só é posíbel alí onde nos sentimos acollidos e aceptados. Alí onde falte a acollida, falta vida; o noso ser paralízase; a creatividade atrofiase. Por iso unha «sociedade pechada é unha sociedade sen futuro, unha sociedade que mata a esperanza de vida dos marxinados e que finalmente afúndese a si mesma» (Jürgen Moltmann).
Son moitos os factores que invitan aos homes e mulleres do noso tempo a viviren en círculos pechados e exclusivistas. Nunha sociedade na que crece a inseguridade, a indiferenza ou a agresividade é explicábel que cada un tratemos de asegurarmos a nosa «pequena felicidade» xunto aos que sentimos iguais.
As persoas que son coma nós, que pensan e queren o mesmo ca nós, dannos seguridade. En cambio, as persoas que son diferentes, que pensan, senten e queren de xeito diferente, prodúcennos inquietude e temor.
Por iso as nacións se agrupan por «bloques» que se miran mutuamente con hostilidade. Por iso buscamos cada un o noso «recinto ou nicho de seguridade», ese círculo de amigos, pechado a aqueles que non son de nosa mesma condición.
Vivimos como «á defensiva», cada vez máis incapaces de rompermos distancias para adoptarmos unha postura de amizade aberta cara a toda persoa. Afixémonos a aceptar só aos máis próximos. Aos demais tolerámolos ou mirámolos con indiferenza se non é con cautela e prevención.
Inxenuamente pensamos que, se cada un se preocupa de asegurar a súa pequena parcela de felicidade, a humanidade xa seguirá camiñando cara ao seu benestar. E non nos decatamos de que estamos creando marxinación, illamento e soidade. E así nesta sociedade vai ser cada vez máis difícil ser feliz.
Por iso o xesto de Xesús aparece con senlleira e especial actualidade para nós. Xesús non só limpa ao leproso. Estende a man e «tócao», rompendo prexuízos, tabús e fronteiras de illamento e marxinación que exclúen aos leprosos da convivencia. Os seguidores de Xesús temos de sentírmonos chamados a aportar amizade aberta aos sectores marxinados da nosa sociedade. Son moitos os que necesitan unha man estendida que chegue a «tocalos».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire