A FELICIDADE AMEAZADA
Occidente non quixo crer no amor como fonte de vida e felicidade para o home e a sociedade. As benaventuranzas de Xesús seguen sendo unha linguaxe inintelixíbel e incríbel, ata para os que nos chamamos cristiáns.
Nós puxemos a felicidade noutras cousas. chegamos ata a confundirmos a felicidade co benestar. E, aínda que son poucos os que se atreven a confesalo abertamente, para moitos o decisivo para ser feliz é «ter diñeiro».
Apenas teñen outro proxecto de vida. Traballar para ter diñeiro. Ter diñeiro para comprar cousas. Posuír cousas para adquirir unha posición e ser algo na sociedade. Esta é a felicidade na que creemos. O camiño que tratamos de percorrer para buscar felicidade.
Vivimos nunha sociedade que, no fondo, sabe que algo absurdo se acubilla en todo isto, pero non é capaz de buscar unha felicidade máis verdadeira. Gustamos do noso xeito de vivirmos aínda que sintamos que non nos fai felices.
Os crentes deberiamos recordar que Xesús non falou só de benaventuranzas. lanzou tamén ameazadoras maldicións para cantos, esquecendo a chamada do amor, gozan satisfeitos no seu propio benestar. Esta é a ameaza de Xesús: os que posúen e gozan de todo canto o seu corazón egoísta anhelou, un día descubrirán que non hai para eles máis felicidade da que xa teñen saboreado.
Quizá estamos vivindo uns tempos nos que empezamos a intuír mellor a verdade última que se encerra nas ameazas de Xesús: «Ai de vós, os ricos, porque xa tendes o voso consolo! Ai de vós, os que estades saciados, porque teredes fame! ¡Ai dos que agora rides, porque choraredes!».
Empezamos a experimentarmos que a felicidade non está no puro benestar. A civilización da abundancia ofrécenos medios de vida, pero non razóns para vivir. A insatisfacción actual de moitos non se debe só nin principalmente á crise económica, senón ante todo á crise de auténticos motivos para viviren, loitar, gozar, sufrir e esperar.
Hai pouca xente feliz. Aprendemos moitas cousas, pero non sabemos ser felices. Necesitamos de tantas cousas que somos uns pobres necesitados. Para lograrmos o noso benestar somos capaces de mentir, defraudar, traizoarnos a nós mesmos e destruírmonos uns a outros. E así non se pode ser feliz.
E se Xesús tivese razón? Non está a nosa «felicidade» demasiado ameazada? Non temos que buscar unha sociedade diferente cuxo ideal non sexa o desenvolvemento material sen fin, senón a satisfacción das necesidades vitais de todos? Non seremos máis felices cando aprendamos a necesitarmos menos e compartirmos máis?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire