DETÉRMONOS
Os nosos pobos e cidades ofrecen hoxe un clima pouco propicio a quen queira buscaren un pouco de silencio e paz para atoparse consigo mesmo e con Deus. Non é fácil nin doado liberarnos do ruído permanente e do asedio constante de todo tipo de chamadas e mensaxes. Por outra banda, as preocupacións, problemas e présas de cada día lévannos dunha parte a outra, sen apenas permitirnos ser donos de nós mesmos.
Nin sequera no propio fogar, invadido pola televisión, escenario de múltiples tensións, é fácil atopar o acougo e recollemento indispensábeis para atopármonos con nós mesmos ou para descansarmos gozosamente ante Deus.
Pois ben, precisamente, nestes momentos en que necesitamos máis do que nunca lugares de silencio, recollemento e oración, os crentes mantemos con frecuencia pechados os nosos templos e igrexas durante boa parte do día.
Esquecéusenos o que é detérmonos, interromper por uns minutos as nosas présas, liberarnos por uns intres das nosas tensións e deixarnos penetrar polo silencio e a calma dun recinto sagrado. Moitos homes e mulleres sorprenderíanse ao descubriren que, con frecuencia, abonda pararse e estar en silencio un certo tempo, para aquietar o espírito e recuperar a lucidez e a paz.
Canto necesitamos os homes e mulleres de hoxe atoparmos ese silencio que nos axude a entrar en contacto con nós mesmos para recuperarmos a nosa liberdade e rescatarmos de novo toda a nosa enerxía interior.
Afeitos ao ruído e á axitación, non sospeitamos o benestar do silencio e a soidade. Ávidos de noticias, imaxes e impresións, esquecéusenos que só nos alimenta e enriquece de verdade aquilo que somos capaces de escoitar no máis fondo do noso ser.
Sen ese silencio interior, non se pode escoitar a Deus, recoñecer a súa presenza na nosa vida e crecer desde dentro como seres humanos e como crentes.
Segundo Xesús, a persoa «saca o ben da bondade que atesoura no seu corazón». O ben non brota de nós espontaneamente. Témolo de cultivar e facer crecer no fondo do corazón. Moitas persoas comezarían a transformaren a súa vida se acertasen a deterse para escoitar todo o bo que Deus suscita no silencio do seu corazón.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire