A FALTA DE VERDADE
A veracidade foi sempre unha preocupación importante na educación. Coñecémolo desde nenos. Os nosos pais e educadores podían «entender» todas nosas travesuras, pero pedíannos ser sinceros. Queríannos facer vermos que «dicir a verdade» é moi importante.
Tiñan razón. A verdade é un dos piares sobre os que asenta a conciencia moral e a convivencia. Sen verdade non é posíbel vivirmos con dignidade. Sen verdade non é posíbel unha convivencia xusta. O ser humano séntese traizoado nunha das súas esixencias máis fondas.
Hoxe condénase con forza toda clase de atropelos e abusos, pero non sempre se denuncia coa mesma enerxía a mentira con que se tenta enmascaralos. E, con todo, as inxustizas aliméntanse sempre a si mesmas coa mentira. Só falseando a realidade foi posíbel hai uns anos levar a cabo unha guerra tan inxusta como foi a agresión a Iraq.
Sucede moitas veces. Os grupos de poder poñen en marcha múltiples mecanismos para dirixiren a opinión pública e levaren á sociedade cara a unha determinada posición. Pero con frecuencia fano ocultando a verdade e desfigurando os datos, de maneira que as xentes chegan a viviren cunha visión falseada da realidade.
As consecuencias son graves. Cando se oculta a verdade existe o risco de que vaian desaparecendo as contornas do «ben» e do «mal». Xa non se pode distinguir con claridade o «xusto» do «inxusto». A mentira non deixa ver os abusos. Somos como «cegos» que tratan de guiar a outros «cegos».
Fronte a tantos falseamentos interesados sempre hai persoas que teñen a mirada limpa e ven a realidade tal como é. Son os que están atentos ao sufrimento dos inocentes. Eles poñen verdade no medio de tanta mentira. Poñen luz no medio de tanta escuridade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




