AMIGO DA MULLER
Sorprende ver a Xesús rodeado de tantas mulleres: amigas entrañábeis como María Magdalena ou as irmás Marta e María de Betania. Seguidoras fieis como Salomé, nai dunha familia de pescadores. Mulleres enfermas, prostitutas de aldea… De ningún profeta se di algo parecido.
Que atopaban nel as mulleres? Por que as atraía tanto? A resposta que ofrecen os relatos evanxélicos é clara. Xesús míraas con ollos diferentes. Trátaas cunha tenrura descoñecida, defende a súa dignidade, acólleas como discípulas. Ninguén as trataba así.
A xente víaas como fonte de impureza ritual. Rompendo tabús e prexuízos, Xesús achégase a elas sen temor algún, acéptaas na súa mesa e ata se deixa acariñar por unha prostituta agradecida.
A sociedade considerábaas como ocasión e fonte de pecado; desde nenos se lles advertía aos homes de non caeren nas súas artes de sedución. Xesús, con todo, pon o acento na responsabilidade dos homes: «Todo o que mira a unha muller desexándoa, xa cometeu adulterio no seu corazón».
Enténdese a súa reacción cando lle presentan a unha muller sorprendida en adulterio, con intención de lapidala. Ninguén fala do home. É o que ocorría sempre naquela sociedade machista. Condénase á muller porque ten deshonrado á familia e descúlpase con facilidade ao home.
Xesús non soporta esta hipocrisía social construída polo dominio dos homes. Con sinxeleza e valentía admirábeis pon verdade, xustiza e compaixón: «O que estea sen pecado, que lance a primeira pedra». Os acusadores retíranse avergoñados. Saben que eles son os máis responsábeis dos adulterios que se cometen naquela sociedade.
Xesús diríxese a aquela muller humillada con tenrura e respecto: «Tampouco eu te condeno». Vaite, segue camiñando na túa vida e, «en diante, non peques máis». Xesús confía nela, deséxalle o mellor e anímalle a non pecar. Pero dos seus beizos non sairá condena algunha.
Quen nos ensinará a mirarmos hoxe á muller cos ollos de Xesús? Quen introducirá na Igrexa e na sociedade a verdade, a xustiza e a defensa da muller ao estilo de Xesús?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




