AS CICATRICES DO RESUCITADO
«Vós matástelo, pero Deus resucitouno». Isto é o que predican con fe os discípulos de Xesús polas rúas de Xerusalén aos poucos días da súa execución. Para eles, a resurrección é a resposta de Deus á acción inxusta e criminal de quen quixo calar para sempre a súa voz e anular de raíz o seu proxecto dun mundo máis xusto.
Non o temos de esquecer. No corazón da nosa fe hai un Crucificado ao que Deus lle deu a razón. No centro mesmo da Igrexa hai unha vítima á que Deus fixo xustiza. Unha vida «crucificada», pero vivida co espírito de Xesús, non terminará en fracaso, senón en resurrección.
Isto cambia totalmente o sentido dos nosos esforzos, penas, traballos e sufrimentos por un mundo máis humano e unha vida máis ditosa para todos. Vivirmos pensando nos que sofren, estarmos preto de os máis desvalidos, botarmos unha man aos indefensos… seguirmos os pasos de Xesús, non é algo absurdo. É camiñar cara ao Misterio dun Deus, que resucitará para sempre as nosas vidas.
Os pequenos abusos que poidamos padecer, as inxustizas, rexeitamentos ou incomprensións que poidamos sufrir, son feridas que un día cicatrizarán para sempre. Habemos aprender a mirarmos con máis fe as cicatrices do Resucitado. Así serán un día as nosas feridas de hoxe. Cicatrices curadas por Deus para sempre.
Esta fe sostennos por dentro e fainos máis fortes para seguir correndo riscos. Aos poucos habemos ir aprendendo a non queixármonos tanto, a non vivirmos sempre lamentándonos do mal que hai no mundo e na Igrexa, a non sentírmonos sempre vítimas dos demais. Por que non podemos vivir como Xesús, dicindo: «Ninguén me quita a vida, senón que son eu quen a dou»?
Seguirmos ao Crucificado ata compartir con el a resurrección é, en definitiva, aprendermos a «dar a vida», o tempo, as nosas forzas e, talvez, a nosa saúde por amor. Non nos faltarán feridas, cansazo e fatigas. Unha esperanza sostennos: un día, «Deus enxugará as bágoas dos nosos ollos, e non haberá xa morte nin haberá pranto, nin berros nin fatigas, porque todo este mundo vello pasaría».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





