VOLVERMOS A XESÚS
Pódense facer toda clase de estudos e diagnósticos. O certo é que o mundo necesita hoxe zume novo para vivir. As Igrexas andan buscando alento e esperanza. Os xentíos pobres do planeta reclaman xustiza e pan. Occidente xa non sabe como saír desa tristeza mal disimulada que ningún benestar logra ocultar.
O problema non é nin está só en cambios políticos nin en renovacións teolóxicas, senón no cambio de vida. Estamos necesitados de algo parecido ao «lume» que prendeu Xesús no seu breve paso pola terra: a súa mística, a súa lucidez, a súa paixón polo ser humano. Necesitamos persoas coma el, palabras coma as súas, esperanza e amor coma os seus. Necesitamos volver a Xesús.
Desde o inicio, os cristiáns viron que el podía guiar aos seres humanos. Coa súa coñecida linguaxe, o cuarto evanxeo preséntao como o «pastor» capaz de liberar ás ovellas do curro onde se atopan encerradas para «sacalas fóra», a un país novo de vida e dignidade. El marcha diante marcando o camiño a quen o quere seguir.
Xesús non impón nada. Non forza a ninguén. Chama a cada un «polo seu nome». Para el non hai masas. Cada un ten nome e rostro propios. Cada un ha escoitar a súa voz sen confundila coa dos estraños, que non son senón «ladróns» que quitan ao pobo a luz e a esperanza.
O decisivo é isto: non escoitarmos voces estrañas, fuxirmos de mensaxes que non veñen de Galilea. Sempre que a Igrexa buscou renovarse desencadeouse unha volta a Xesús para seguir de novo os seus pasos. «Sígueme», como se lembrou tantas veces, é a primeira e a última palabra de Xesús a Pedro (Dietrich Bonhoeffer).
Pero volver a Xesús non é tarefa exclusiva do papa nin dos bispos. Todos os crentes somos responsábeis. Para volvermos a Xesús non temos de esperarmos ningunha orde. Francisco de Asís non esperou a que a Igrexa do seu tempo tomase non sei que decisións. El mesmo converteuse ao evanxeo e comezou a aventura de seguir a Xesús de verdade. A que temos que esperar para espertarmos entre nós unha paixón nova polo evanxeo e por Xesús?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




