ESCOITAR DE CERCA AS BIENAVENTURANZAS
Cando Xesús sobe á montaña e senta para anunciar as benaventuranzas, hai un xentío naquela contorna, pero só «os discípulos se achegan» a el para escoitaren mellor a súa mensaxe. Que escoitamos hoxe os discípulos de Xesús se nos achegamos a el?
Ditosos «os pobres de espírito», os que saben vivir con pouco, confiando sempre en Deus. Ditosa unha Igrexa con alma de pobre porque terá menos problemas, estará máis atenta aos necesitados e vivirá o evanxeo con máis liberdade. Dela é o reino de Deus.
Ditosos «os sufridos», os que viven con corazón benévolo e clemente. Ditosa unha Igrexa chea de mansedume. Será un agasallo para este mundo cheo de violencia. Ela herdará a terra prometida.
Ditosos «os que choran», porque padecen inxustamente sufrimentos e marxinación. Con eles pódese crear un mundo mellor e máis digno. Ditosa a Igrexa que sofre por ser fiel a Xesús. Un día será consolada por Deus.
Ditosos «os que teñen fame e sede de xustiza», os que non perderon o desexo de ser máis xustos nin o afán de facer un mundo máis digno. Ditosa a Igrexa que busca con paixón o reino de Deus e a súa xustiza. Nela alentará o mellor do espírito humano. Un día o seu anhelo será saciado.
Ditosos «os misericordiosos» que actúan, traballan e viven movidos pola compaixón. Son os que, na terra, máis se parecen ao Pai do ceo. Ditosa a Igrexa á que Deus lle arrinca o corazón de pedra e dálle un corazón de carne. Ela alcanzará misericordia.
Ditosos «os que traballan pola paz» con paciencia e fe, buscando o ben para todos. Ditosa a Igrexa que introduce no mundo paz e non discordia, reconciliación e non enfrontamento. Ela será «filla de Deus».
Ditosos os que, «perseguidos a causa da xustiza», responden con mansedume ás inxustizas e ofensas. Eles axúdannos a vencer o mal co ben. Ditosa a Igrexa perseguida por seguir a Xesús. Dela é o reino de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





