O NOVO DOMINGO
O domingo xa non é o que era hai uns anos. En pouco tempo creceu e converteuse na «fin de semana», que comeza xa o venres pola tarde e no que a maioría pode vivir de maneira diferente, escapando das obrigacións do traballo, dos horarios impostos e da rutina diaria.
Non todos vivimos a fin de semana da mesma maneira. Para algúns é unha verdadeira sorte: teñen iniciativa, posibilidades e amigos para gozar eses días. Para outros é un tempo cruel, pois senten con máis forza a súa soidade, enfermidade ou vellez; o domingo só esperta neles tristeza e nostalxia. Outros témenlle ao domingo, non saben que facer con el, abúrrense; se non houbese fútbol sería insoportábel.
Teólogos e liturxistas pregúntanse hoxe como será no futuro o domingo cristián. Reducirase a unha celebración da misa illada e sen conexión algunha coa fin de semana da xente? Pola contra, «non será posíbel –pregunta Xabier Basurko– unha integración dinámica dos valores humanos da fin de semana na mística do domingo?» O liturxista vasco ofrécenos algunhas pistas.
O domingo cristián pode ser a alma da fin de semana, que axude aos crentes para experimentar mellor a súa liberdade de fillos de Deus, sen imposicións nin fins utilitaristas. A eucaristía podería axudar a recuperar o acougo e reavivar o alento interior. A fin de semana podemos ser un pouco máis «nós mesmos».
Por outra banda, poderíase recuperar o sábado como festa da creación; desta maneira poderíase proseguir o domingo coa celebración da salvación. Así pensan algúns liturxistas. A fe axudaría entón a vivir a fin de semana como unha celebración ao Creador e un encontro coa natureza, non a través do traballo, senón do goce e a contemplación.
Por último, a celebración da «asemblea eucarística» pode dar un sentido máis fondo a esa outra dimensión da fin de semana, que é a comunicación entrañábel e gratificante con amigos e familiares, ou o encontro con outras persoas e outros pobos. A fin de semana pode ser experiencia de encontro e comuñón de irmáns. Crecerá o domingo cristián ata ser «fermento e sal» da fin de semana da actual cultura? En calquera caso, podemos facérmonos unha pregunta: sabemos os cristiáns extraermos da eucaristía dominical alento e alegría para vivirmos o novo domingo?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




