PROGRAMA LIBERADOR
Moitos cristiáns pensan estar a vivir con responsabilidade a súa fe porque se preocupan de cumpriren determinadas prácticas relixiosas e tratan de axustar o seu comportamento á unhas leis morais e unhas normas eclesiásticas.
Así mesmo, moitas comunidades cristiás pensan estar a cumprir fielmente a súa misión porque se afanan en ofreceren servizos de catequese e educación da fe, e se esforzan por celebraren con dignidade o culto cristián.
É isto o único que Xesús quería pór en marcha ao enviar aos seus discípulos polo mundo? É esta a vida que quería infundir no corazón da historia?
Necesitamos escoitar de novo as palabras de Xesús para redescubrirmos a verdadeira misión dos crentes no medio desta sociedade. Así recolle o evanxelista Mateu o seu mandato: «Ide e proclamade que o reino dos ceos está cerca. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, lanzade demos. Recibístelo Gratis, dádeo gratis».
A nosa primeira tarefa tamén hoxe é proclamarmos que Deus está preto de nós, empeñado en salvar a felicidade da humanidade. Pero este anuncio dun Deus salvador non se fai só a través de discursos e palabras suxestivas. Non se asegura só con catequese nin clases de relixión. Xesús lémbranos a maneira de proclamarmos a Deus: traballar gratuitamente por infundir aos homes nova vida.
«Curar enfermos», é dicir, liberar ás persoas de todo o que lles rouba vida e fai sufrir. Sandar a alma e o corpo dos que se senten destruídos pola dor e angustiados pola dureza desapiadada da vida diaria.
«Resucitar mortos», é dicir, liberar ás persoas daquilo que bloquea as súas vidas e mata a súa esperanza. Espertar de novo o amor á vida, a confianza en Deus, a vontade de loita e o desexo de liberdade en tantos homes e mulleres nos que a vida vai morrendo aos poucos.
«Limpar leprosos», é dicir, limpar esta sociedade de tanta mentira, hipocrisía e convencionalismo. Axudar ás xentes para viviren con máis verdade, sinxeleza e honradez.
«Lanzar demos», é dicir, liberar ás persoas de tantos ídolos que nos escravizan, nos posúen e perverten a nosa convivencia. Alí onde se está a liberar ás persoas, alí estase anunciando a Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



