O BERRO DA MULLER
Cando nos anos oitenta do século I Mateu escribe o seu evanxeo, a Igrexa ten exposta unha grave cuestión: que han facer os seguidores de Xesús? Encerrarse no marco do pobo xudeu ou abrirse tamén aos pagáns?
Xesús só actuara dentro das fronteiras de Israel. Eliminado rapidamente polo representante de Roma e os dirixentes do templo, non puido facer nada máis. Con todo, rastrexando na súa vida, os discípulos lembraron dúas cousas moi iluminadoras. Primeiro, Xesús era capaz de descubrir entre os pagáns unha fe máis grande que entre os seus propios seguidores. Segundo, Xesús non reservaba a súa compaixón só para os xudeus. O Deus da compaixón é de todos.
A escena é conmovedora. Unha muller sae ao encontro de Xesús. Non pertence ao pobo elixido. É pagá. Provén do maldito pobo dos cananeos, que tanto loitara contra Israel. É unha muller soa e sen nome. Talvez é nai solteira, viúva ou foi abandonada polos seus.
Mateu só destaca a súa fe. Toda a súa vida resúmese nun berro que expresa o profundo da súa desgraza. Vén detrás dos discípulos «gritando». Non se detén ante o silencio de Xesús nin ante o malestar dos seus discípulos. A desgraza da súa filla, posuída por «un demo moi malo», converteuse na súa propia dor: «Señor, ten compaixón de min».
Nun momento determinado, a muller alcanza ao grupo, detén a Xesús, próstrase ante el e de xeonllos dille: «Señor, socórreme». Non acepta as explicacións de Xesús, dedicado ao seu quefacer en Israel. Non acepta a exclusión étnica, política, relixiosa e de sexos na que se atopan tantas mulleres, sufrindo soidade e marxinación.
É entón cando Xesús se manifesta en toda a súa humildade e grandeza: «Muller, que grande é a túa fe!, que se cumpra o que desexas». A muller ten razón. De nada serven outras explicacións. O primeiro é aliviar o sufrimento. A súa petición coincide coa vontade de Deus.
Que facemos os cristiáns de hoxe ante os berros de tantas mulleres soas, marxinadas, maltratadas e esquecidas pola Igrexa? Deixámolas de lado xustificando o noso abandono por esixencias doutros quefaceres? Xesús non o fixo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



