XESÚS ESTÁ CONNOSCO
Mateu non quixo terminar a súa narración evanxélica co relato da Ascensión. O seu evanxeo, redactado en condicións difíciles e críticas para as comunidades crentes, pedía un final diferente ao de Lucas.
Unha lectura inxenua e equivocada da Ascensión podía crear naquelas comunidades a sensación de orfandade e abandono ante a partida definitiva de Xesús. Por iso Mateu termina o seu evanxeo cunha frase inesquecíbel de Xesús resucitado: «Sabede que eu estou convosco todos os días, ata a fin do mundo».
Esta é a fe que animou sempre ás comunidades cristiás. Non estamos sós, perdidos no medio da historia, abandonados ás nosas propias forzas e ao noso pecado. Cristo está connosco. En momentos como os que estamos a vivir hoxe os crentes é fácil caer en lamentacións, desalentos e derrotismo. Diríase que esquecemos algo que necesitamos recordar urxentemente: el está connosco.
Os bispos, reunidos con ocasión do Concilio Vaticano II, constataban a falta dunha verdadeira teoloxía da presenza de Cristo na súa Igrexa. A preocupación por defender e precisar a presenza do Corpo e o Sangue de Cristo na eucaristía puido levarnos inconscientemente a esquecermos a presenza viva do Señor resucitado no corazón de toda a comunidade cristiá.
Con todo, para os primeiros crentes, Xesús non é unha personaxe do pasado, un defunto a quen se venera e se lle dá culto, senón alguén vivo, que anima, vivifica e enche co seu espírito á comunidade crente.
Cando dous ou tres crentes se reúnen no seu nome, alí esta el no medio deles. Os encontros dos crentes non son asembleas de homes orfos que tratan de alentarse uns a outros. No medio deles está o Resucitado, co seu alento e forza dinamizadora. Esquecelo é arriscarnos a debilitar de raíz a nosa esperanza.
Aínda hai algo máis. Cando nos atopamos cun home necesitado, desprezado ou abandonado, estámonos atopando con aquel que quixo solidarizarse con eles de xeito radical. Por iso a nosa adhesión actual a Cristo en ningún lugar se verifica mellor do que na axuda e solidariedade co necesitado. «Canto fixestes a un destes pequenos, fixéstesmo a min».
O Señor resucitado está na eucaristía alimentando a nosa fe. Está na comunidade cristiá infundindo o seu Espírito e impulsando a misión. Está nos pobres movendo os nosos corazóns á compaixón. Está todos os días, ata o fin do mundo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire