FACER DISCÍPULOS
DE XESÚS
Mateu describe a despedida de Xesús trazando as liñas-forza que teñen de orientar para sempre aos seus discípulos e que han de marcar os trazos á súa Igrexa para cumprir fielmente a súa misión.
O punto de arranque é Galilea. Aí convócaos Xesús. A resurrección non os ha levar a esquecer o vivido con el en Galilea. Alí escoitáronlle falar de Deus con parábolas conmovedoras. Alí vírono aliviando o sufrimento, ofrecendo o perdón de Deus e acollendo aos máis esquecidos. Pois é isto precisamente o que han seguir transmitindo.
Entre os discípulos que rodean a Xesús resucitado hai «crentes» e hai os que «vacilan». O narrador é realista. Os discípulos «próstranse». Sen dúbida queren crer, pero nalgúns abrolla e esperta a dúbida e a indecisión. Talvez están asustados, non poden captar todo o que significa aquilo. Mateu coñece a fe fráxil das comunidades cristiás. Se non contasen con Xesús, ben axiña se apagaría.
Xesús «achégase» e entra en contacto con eles. El ten a forza e o poder que a eles lles falta. O Resucitado recibiu do Pai a autoridade do Fillo de Deus con «pleno poder no ceo e na terra». Se se apoiasen ben nel non vacilarán.
Xesús indícalles con toda precisión cal ha ser a súa misión. Non é propiamente «ensinar doutrina», non é só «anunciar ao Resucitado». Sen dúbida, os discípulos de Xesús terán de coidar diversos aspectos: «dar testemuño do Resucitado», «proclamar o evanxeo», «implantar comunidades»… pero todo estará finalmente orientado a un obxectivo: «facer discípulos» de Xesús.
Esta é a nosa misión: facermos seguidores» de Xesús que coñezan a súa mensaxe, sintonicen co seu proxecto, aprendan a viviren coma el e reproduzan hoxe a súa presenza no mundo. Actividades tan fundamentais como o bautismo, compromiso de adhesión a Xesús, e o ensino de «todo o mandado» por el son vías para aprender a seren os seus discípulos. Xesús promételles a súa presenza e axuda constante. Non estarán sós nin desamparados. Nin aínda que sexan poucos. Nin aínda que sexan só dous ou tres.
Así é a comunidade cristiá. A forza do Resucitado sostena co seu Espírito. Todo está orientado a aprender e ensinar a vivir como Xesús e desde Xesús. El segue vivo nas súas comunidades. Segue connosco e entre nós curando, perdoando, acollendo… salvando.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire