PREGUSTAR O CEO
O ceo non se pode describir, pero podémolo pregustar. Non o podemos alcanzar coa nosa mente, pero é difícil non desexalo. Se falamos do ceo non é para satisfacer a nosa curiosidade, senón para reavivar o noso desexo e a nosa atracción por Deus. Se o lembramos é para non esquecer o anhelo último que levamos no corazón.
Ir ao ceo non é chegarmos a un lugar, senón entrarmos para sempre no Misterio do amor de Deus. Por fin, Deus xa non será alguén oculto e inaccesíbel. Aínda que nos pareza incríbel, poderemos coñecer, tocar, gustar e gozar o seu ser máis íntimo, a súa verdade máis fonda, a súa bondade e beleza infinitas. Deus namoraranos para sempre.
Esta comuñón con Deus non será unha experiencia individual. Xesús resucitado acompañaranos. Ninguén vai ao Pai se non é por medio de Cristo. «Nel habita toda a plenitude da divindade corporalmente» (Colosenses 2,9). Só coñecendo e gozando do misterio encerrado en Cristo penetraremos no misterio insondábel de Deus. Cristo será o noso «ceo». Véndoo a el «veremos» a Deus.
Non será Cristo o único mediador da nosa felicidade eterna. Acendidos polo amor de Deus, cada un de nós converterémonos á nosa maneira en «ceo» para os demais. Desde a nosa limitación e finitude tocaremos o Misterio infinito de Deus saboreándoo nas súas criaturas. Gozaremos do seu amor insondábel, gustándoo no amor humano. O gozo de Deus regalarásenos encarnado no pracer humano.
O teólogo húngaro Ladislaus Boros trata de suxerir esta experiencia indescritíbel: «Sentiremos a calor, experimentaremos o esplendor, a vitalidade, a riqueza desbordante da persoa que hoxe amamos, coa que gozamos e pola que agradecemos a Deus. Todo o seu ser, a fondura da súa alma, a grandeza do seu corazón, a creatividade, a amplitude, a excitación da súa reacción amorosa serannos regalados».
Que grande plenitude alcanzará en Deus a tenrura, a comuñón e o gozo do amor e a amizade que coñecemos aquí. Con que intensidade nos amaremos entón os que xa tanto nos amamos na terra. Poucas experiencias nos han permitir pregustar mellor o destino último aos que somos atraídos por Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




