O ÚLTIMO XESTO
Xesús era realista. Sabía que non podía transformar dun día para outro aquela sociedade onde vía sufrir a tanta xente. Non ten poder político nin relixioso para provocar un cambio revolucionario. Só a súa palabra, os seus xestos e a súa fe grande no Deus dos que sofren.
Por iso gusta tanto de facer xestos de bondade. «Abraza» aos nenos da rúa para que non se sintan orfos. «Toca» aos leprosos para que non se vexan excluídos das aldeas. «Acolle» amigabelmente na súa mesa a pecadores e indesexábeis para que non se sintan desprezados.
Non son xestos convencionais. Nácenlle desde a súa vontade de facer un mundo máis amábel e solidario no que as persoas se axuden e coiden mutuamente. Non importa que sexan xestos pequenos. Deus ten en conta ata o «vaso de auga» que damos a quen ten sede.
A Xesús gústalle sobre todo «bendicir». Bendí aos pequenos e bendí sobre todo aos enfermos e desgraciados. O seu xesto está cargado de fe e de amor. Desexa envolver aos que máis sofren coa compaixón, a protección e a bendición de Deus.
Non é estraño que, ao narrar a súa despedida, Lucas describa a Xesús levantando as súas mans e «bendicindo» aos seus discípulos. É o seu último xesto. Xesús entra no misterio insondábel de Deus e os seus seguidores quedan envolvidos na súa bendición.
Fai xa moito tempo que o esquecemos, pero a Igrexa ha ser no medio do mundo unha fonte de bendición. Nun mundo onde é tan frecuente «maldicir», condenar, facer dano e denigrar, é máis necesaria do que nunca a presenza de seguidores de Xesús que saiban «bendicir», buscar o ben, facer o ben, atraeren cara ao ben.
Unha Igrexa fiel a Xesús está chamada a sorprender á sociedade con xestos públicos de bondade, rompendo esquemas e distanciándose de estratexias, estilos de actuación e linguaxes agresivas que nada teñen a ver con Xesús, o Profeta que bendicía ás xentes con xestos e palabras de bondade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire