TRAZOS DE MARÍA
A visita de María a Isabel permítelle ao evanxelista Lucas poñer en contacto ao Bautista e a Xesús, antes incluso de teren nado. A escena está cargada dunha atmosfera moi especial. As dúas van ser nais. As dúas foron chamadas a colaboraren no plan de Deus. Non hai varóns. Zacarías ficou mudo. Xosé está sorprendentemente ausente. As dúas mulleres ocupan toda a escena.
María, chega con présa desde Nazaret e convértese na figura central. Todo xira en torno a ela e ao seu Fillo. A súa imaxe brilla cuns trazos máis xenuínos do que moitos outros que lle foron engadidos ao longo dos séculos a partirmos de advocacións e títulos afastados dos evanxeos
María, «a nai do meu Señor
Así a proclama Isabel a gritos e chea do Espírito Santo. É certo: para os seguidores de Xesús, María é primeiro de nada a Nai do noso Señor. De aí arrinca toda a súa grandeza. Os primeiros cristiáns nunca separan a María de Xesús. Son inseparábeis. «Bendicida por Deus entre todas as mulleres», ela ofrécenos a Xesús, «froito bendito do seu ventre».
María, a crente
Isabel decláraa ditosa porque «creu». María é grande non simplemente pola seu maternidade biolóxica, senón por acoller con fe a chamada de Deus a ser Nai do Salvador. Soubo escoitar a Deus; gardou a súa Palabra dentro do seu corazón; meditouna; púxoa en práctica cumprindo fielmente a súa vocación. María é Nai crente.
María, a evanxelizadora
María ofrece a todos a salvación de Deus, que a colleu do seu propio Fillo. Esa é a súa gran misión e o seu servizo. Segundo o relato, María evanxeliza non só cos seus xestos e palabras, senón porque alá a onde vai leva consigo a persoa de Xesús e o seu Espírito. Isto é o esencial do acto evanxelizador.
María, portadora de alegría
O saúdo de María comunica a alegría que brota do seu Fillo Xesús. Ela foi a primeira en escoitar a invitación de Deus: «Alégrate!, o Señor está contigo». Agora, desde unha actitude de servizo e de axuda a quen a necesitan, María irradia a Boa Noticia de Xesús, o Cristo, a quen sempre leva consigo. Ela é para a Igrexa o mellor modelo dunha evanxelización gozosa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire