O ESPÍRITO BO DE DEUS
Xesús non é un home baleiro nin disperso interiormente. Non actúa por aquelas aldeas de Galilea de maneira arbitraria nin movido por calquera interese. Os evanxeos deixan claro desde o principio que Xesús vive e actúa movido por «o Espírito de Deus».
Non queren que se lle confunda con calquera «mestre da lei», preocupado por introducir máis orde no comportamento de Israel. Non queren que se lle identifique cun falso profeta, disposto a buscar un equilibrio entre a relixión do templo e o poder de Roma.
Os evanxelistas queren, ademais, que ninguén o equipare co Bautista. Que ninguén o vexa como un simple discípulo e colaborador daquel gran profeta do deserto. Xesús é «o Fillo amado» de Deus. Sobre el «descende» o Espírito de Deus. Só el pode «bautizar» con Espírito Santo.
Segundo toda a tradición bíblica, o «Espírito de Deus» é o alento de Deus, que crea e sostén a vida enteira. A forza que Deus posúe para renovar e transformar aos viventes. A súa enerxía amorosa que busca sempre o mellor para os seus fillos e fillas.
Por iso Xesús se sente enviado non a condenar, destruír ou maldicir, senón a curar, construír e bendicir. O Espírito de Deus condúceo a potenciar e mellorar a vida. Cheo dese «Espírito» bo de Deus, dedícase a liberar á xente de «espíritos malignos», que non fan senón danar, escravizar e deshumanizar.
As primeiras xeracións cristiás tiñan moi claro o que foi Xesús. Así resumían o recordo que deixou gravado nos seus seguidores: «Unxido por Deus co Espírito Santo… pasou pola vida facendo o ben e curando a todos os oprimidos polo diaño, porque Deus estaba con el» (Feitos dos Apóstolos 10,38).
Que «espírito» nos anima hoxe aos seguidores de Xesús? Cal é a «paixón» que move á súa Igrexa? Cal é a «mística» que fai vivir e actuar ás nosas comunidades? Que estamos a poñer no mundo? Se o Espírito de Xesús está en nós, viviremos «curando» a oprimidos, deprimidos ou reprimidos polo mal.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



