EXPERIENCIA PERSOAL
O encontro con Xoán Bautista foi para Xesús unha experiencia que lle deu un xiro á súa vida. Despois do bautismo do Xordán, Xesús non volve xa ao seu traballo de Nazaret; tampouco se adhire ao movemento do Bautista. A súa vida céntrase agora nun único obxectivo: gritarlle a todos a Boa Noticia dun Deus que quere salvar ao ser humano.
Pero o que transforma a traxectoria de Xesús non son as palabras que escoita de beizos do Bautista nin o rito purificador do bautismo. Xesús vive algo moito máis profundo. Séntese alagado polo Espírito do Pai. Recoñécese a si mesmo como Fillo de Deus. En diante a súa vida consistirá en irradiar e contaxiar ese amor insondábel dun Deus Pai.
Esta experiencia de Xesús encerra tamén un significado para nós. A fe é un itinerario persoal que cada un habemos percorrer. É moi importante, sen dúbida, o que escoitamos desde nenos aos nosos pais e educadores. É importante o que ouvimos a sacerdotes e predicadores. Pero, ao final, sempre temos de facérmonos unha pregunta: en quen creo eu? Creo en Deus ou creo naqueles que me falan acerca del? Non habemos esquecer que a fe é sempre unha experiencia persoal que non pode ser substituída pola obediencia cega ao que nos din outros. Desde fóra pódennos orientar cara á fe, pero son eu mesmo quen ten de abrirse a Deus de maneira confiada.
Por iso, a fe non consiste tampouco en aceptar, sen máis, un determinado conxunto de fórmulas. Ser crente non depende primordialmente do contido doutrinal que se recolle nun catecismo. Todo iso é moi importante, sen dúbida, para configurarmos a nosa visión cristiá da existencia. Pero, antes ca iso e dando sentido a todo iso está ese dinamismo interior que, desde dentro, nos leva a amar, confiar e esperar sempre no Deus revelado en Xesús Cristo. A fe non é tampouco un capital que recibimos no bautismo e do que logo podemos dispor tranquilamente. Non é algo adquirido en propiedade para sempre. Ser crente é vivirmos permanentemente á escoita do Deus encarnado en Xesús, aprendendo a vivirmos día a día de maneira máis plena e liberada.
Esta fe non está feita só de certezas. Ao longo da vida, o crente vive moitas veces na escuridade. Como dicía o gran teólogo Romano Guardini, «fe é ter suficiente luz como para soportarmos as escuridades». A fe está feita, sobre todo, de fidelidade. O verdadeiro crente sabe crer na escuridade o que viu en momentos de luz. Sempre segue buscando a ese Deus que está máis aló de todas as nosas fórmulas claras ou escuras. O P. de Lubac escribía que «as ideas que nós nos facemos de Deus son como as ondas do mar, sobre as que o nadador se apoia para superalas». O decisivo é a fidelidade ao Deus que se nos vai manifestando no seu Fillo Xesús Cristo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire