O CAMIÑO ABERTO POR XESÚS
Non poucos cristiáns practicantes entenden a súa fe só como unha «obriga». Hai un conxunto de crenzas que se deben» aceptar, aínda que un non coñeza o seu contido nin saiba o interese que poden ter para a súa vida; hai tamén un código de leis que se «debe» observar, aínda que un non entenda ben tanta esixencia de Deus; hai, para rematar, unhas prácticas relixiosas que se «deben» cumprir, inda que sexa de xeito rutineiro.
Este xeito de entender e vivir a fe xera un tipo de cristián aburrido, sen desexo de Deus e sen creatividade nin paixón algunha por contaxiar a súa fe. Basta con «cumprir». Esta relixión non ten atractivo algún; convértese nun peso difícil de soportar; e mesmo produce alerxia a non poucos. Non andaba descamiñada Simone Weil cando escribía que «onde falta o desexo de atoparse con Deus, alí non hai crentes, senón pobres caricaturas de persoas que se dirixen a Deus por medo ou por interese».
Nas primeiras comunidades cristiás vivíronse as cousas doutro xeito. A fe cristiá non era entendida como un «sistema relixioso». Chamábanlle «camiño» e propoñíano como a vía máis acertada para viviren con sentido e esperanza. Dise del que é un «camiño novo e vivo» que «foi inaugurado por Xesús para nós», un camiño que se percorre «cos ollos fixos nel» (Heb 10,20; 12,2).
É de gran importancia tomarmos conciencia de que a fe é un percorrido e non un sistema relixioso. E nun percorrido hai de todo: marcha gozosa e momentos de procura; probas que hai que superar e retrocesos; decisións ineludíbeis, dúbidas e interrogantes. Todo forma parte do camiño: tamén as dúbidas, que poden seren máis estimulantes do que non poucas certezas e seguridades posuídas de forma rutineira e simplista.
Cada un ha facer o seu propio percorrido. Cada un é responsábel da «aventura» da súa vida. Cada un ten o seu propio ritmo. Non hai que forzar nada. No camiño cristián hai etapas: as persoas poden viviren momentos e situacións diferentes. O importante é «camiñar», non deterse, escoitar a chamada que a todos se nos fai: de vivirmos de xeito máis digno e ditoso. Este pode ser o mellor modo de «prepararmos o camiño do Señor».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire