A REACCIÓN
O Bautista non permite que a xente o confunda co Mesías. Coñece os seus límites e recoñéceos. Hai alguén máis forte e decisivo do que el. O único a quen o pobo ten de acoller. A razón é clara. O Bautista ofrécelles un bautismo de auga. Só Xesús, o Mesías, «os bautizará co Espírito Santo e con fogo».
A xuízo de non poucos observadores, o maior problema da Igrexa de hoxe é «a mediocridade espiritual». A Igrexa non posúe o vigor espiritual que necesita para enfrontarse aos retos do momento actual. Cada vez é máis patente. Necesitamos sermos bautizados por Xesús co seu lume e o seu Espírito.
En non poucos cristiáns esta crecendo o medo a todo o que poida levarnos a unha renovación. Insístese moito na continuidade para conservar o pasado, pero non nos preocupamos de escoitarmos as chamadas do Espírito para preparar o futuro. Aos poucos estámonos quedando cegos para ler os «signos dos tempos».
Dáse primacía a certezas e crenzas para robustecer a fe e lograr unha maior cohesión eclesial fronte á sociedade moderna, pero con frecuencia non se cultiva a adhesión viva a Xesús. Esquecéusenos que el é máis forte do que todos nós? A doutrina relixiosa, exposta case sempre con categorías premodernas, non toca os corazóns nin converte as nosas vidas.
Abandonado o alento renovador do Concilio, víase ir apagando a alegría en sectores importantes do pobo cristián, para dar paso á resignación. De xeito calado pero palpábel vai crecendo o desafecto e a separación entre a institución eclesial e non poucos cristiáns.
É urxente crear canto antes un clima máis amábel e cordial. Calquera non poderá espertar no pobo sinxelo a ilusión perdida. Necesitamos volvermos ás raíces da nosa fe. Poñérmonos en contacto co Evanxeo. Alimentarnos das palabras de Xesús que son «espírito e vida».
Dentro duns anos, as nosas comunidades cristiás serán moi pequenas. En moitas parroquias non haberá xa presbíteros de forma permanente. Que importante é coidar desde agora un núcleo de crentes en torno ao Evanxeo. Eles manterán vivo o Espírito de Xesús entre nós. Todo será máis humilde, pero tamén máis evanxélico.
A nós pídesenos iniciar xa a reacción. O mellor que podemos deixar en herdanza ás futuras xeracións é un amor novo a Xesús e unha fe máis centrada na súa persoa e no seu proxecto. O demais é máis secundario. Se viven desde o Espírito de Xesús, atoparán camiños novos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire