NON AFOGAR O AMOR SOLIDARIO
O amor é a enerxía que dá verdadeira vida á sociedade. En toda civilización hai forzas que xeran vida, verdade e xustiza. E hai forzas que provocan morte, mentira e indignidade. Non sempre é fácil detectalo, pero na raíz de todo impulso de vida está sempre o amor.
Por iso, cando nunha sociedade se afóga o amor, está a afogarse ao mesmo tempo a dinámica que leva ao crecemento humano e á expansión da vida. De aí a importancia de coidar socialmente o amor e de loitar contra todo aquilo que pode destruílo.
Unha forma de matar de raíz o amor é a manipulación das persoas. Na sociedade actual proclámanse en voz alta os dereitos da persoa, pero logo os individuos son sacrificados ao rendemento, á utilidade ou o desenvolvemento do benestar. Prodúcese entón o que o pensador norteamericano Herbet Marcuse chamaba «a eutanasia da liberdade». Cada vez hai máis persoas que viven unha «non liberdade confortábel, cómoda, razoábel, democrática». Vívese ben, pero sen coñecermos a verdadeira liberdade nin o amor.
Outro risco para o amor é o funcionalismo. Na sociedade da eficacia o importante non son as persoas, senón a función que exercen. O individuo fica facilmente reducido a unha peza da engrenaxe: no traballo é un empregado; no consumo, un cliente; na política, un voto; no hospital, un número de cama… Nesta sociedade, as cousas funcionan; as relacións entre as persoas morren.
Outro modo frecuente de afogar o amor é a indiferenza. O funcionamento da sociedade moderna concentra aos individuos nos seus propios intereses. Os demais son unha «abstracción». Publícanse estudos e estatísticos tras dos que se oculta o sufrimento das persoas concretas. Non é fácil sentírmonos responsábeis. A administración pública é quen se ha de ocupar deses problemas.
Que podemos facer cada un? Fronte a tantas formas de desamor, o Bautista suxire unha postura clara: «O que teña dúas túnicas, que las reparta co que non ten; e o que teña comida faga o mesmo». Que podemos facer? Sinxelamente compartirmos máis o que temos con aqueles que viven en necesidade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



