EXPERIENCIA DECISIVA
Como é natural, a celebración da misa foi cambiando ao longo dos séculos. Segundo a época, os cristiáns foron destacando algúns aspectos e descoidando outros. A misa serviu de marco para celebrar coroacións de reis e papas, render homenaxes ou conmemorar vitorias de guerra. Os músicos convertérona en concerto. Os pobos integrárona nas súas devocións e costumes relixiosas…
Despois de vinte séculos pode ser necesario lembrarmos algún dos trazos esenciais da última cea do Señor, tal como era lembrada e vivida polas primeiras xeracións cristiás.
No transfundo desa cea hai unha convicción firme: os seus seguidores non quedarán orfos. A morte de Xesús non poderá romper a súa comuñón con el. Ninguén ha sentir o baleiro da súa ausencia. Os seus discípulos non quedan sós, á mercé dos avatares da historia. No centro de toda comunidade cristiá que celebra a eucaristía está Cristo vivo e operante. Aquí está o segredo da súa forza.
Del aliméntase a fe dos seus seguidores. Non basta asistirmos a esa cea. Os discípulos son convidados a «comer». Para alimentarmos a nosa adhesión a Xesús Cristo necesitamos reunirnos a escoitar as súas palabras e introducilas no noso corazón; necesitamos achegármonos a comulgar con el identificándonos co seu estilo de vivir. Ningunha outra experiencia nos pode ofrecer alimento máis sólido.
Non esquezamos que «comulgar» con Xesús é comulgarmos con alguén que viviu e morreu «entregado» totalmente aos demais. Así insiste Xesús. O seu corpo é un «corpo entregado» e o seu sangue é un «sangue derramado» pola salvación de todos. É unha contradición achegármonos a «comulgar» con Xesús resistíndonos a preocuparnos de algo que non sexa o noso propio interese.
Nada hai máis central e decisivo para os seguidores de Xesús que a celebración desta cea do Señor. Por iso temos de coidala tanto. A eucaristía ben celebrada moldéanos, vainos unindo a Xesús, aliméntanos coa súa vida, familiarízanos co evanxeo, e convídanos a vivirmos en actitude de servizo fraterno e sostennos na esperanza do reencontro final con el.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



