A CEA DO SEÑOR
Os estudos sociolóxicos destácano con datos contundentes: os cristiáns das nosas igrexas occidentais están abandonando a misa dominical. A celebración, tal como ficou configurada ao longo dos séculos, xa non é capaz de nutrir a súa fe nin de vinculalos á comunidade de Xesús.
O sorprendente é que estamos deixando que a misa «seperda» sen que este feito apenas provoque reacción algunha entre nós. Non é a eucaristía o centro da vida cristiá? Como podemos permanecer pasivos, sen capacidade de tomar iniciativa algunha? Por que a xerarquía permanece tan calada e inmóbil? Por que os crentes non manifestamos a nosa preocupación con máis forza e dor?
A desafección pola misa está crecendo ata entre quen participan nela de xeito responsábel e incondicional. É a fidelidade exemplar destas minorías a que está sostendo ás comunidades, pero poderá a misa seguir viva só a base de medidas protectoras que aseguren o cumprimento do rito actual?
As preguntas son inevitábeis: Non necesita a Igrexa no seu centro unha experiencia máis viva e encarnada da cea do Señor, que a que ofrece a liturxia actual? Estamos tan seguros de estarmos facendo hoxe ben o que Xesús quixo que fixésemos en memoria súa?
É a liturxia que nós vimos repetindo desde séculos a que mellor pode axudar nestes tempos aos crentes a viviren o que viviu Xesús naquela cea memorábel onde se concentra, se recapitula e se manifesta como e para que viviu e morreu? É a que máis nos pode atraer a vivirmos como discípulos seus ao servizo do seu proxecto do reino do Pai?
Hoxe todo parece oporse á reforma da misa. Con todo, cada vez será máis necesaria se a Igrexa quere vivir do contacto vital con Xesús Cristo. O camiño será longo. A transformación será posíbel cando a Igrexa senta con máis forza a necesidade de recordar a Xesús e vivir do seu Espírito. Por iso tamén agora o máis responsábel non é ausentarse da misa, senón contribuír á conversión a Xesús Cristo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire