UNHA ALEGRÍA DIFERENTE
Non é fácil a alegría. Os momentos de auténtica felicidade parecen pequenos parénteses no medio dunha existencia de onde brotan constantemente a dor, a inquietude e a insatisfacción.
O misterio da verdadeira alegría é algo estraño para moitos homes e mulleres. Aínda saben quizá rir a gargalladas, pero esqueceron o que é un sorriso gozoso, nacido en grao sumo e fondo do ser. Teñen case todo, pero nada lles satisfai de verdade. Están rodeados de obxectos valiosos e prácticos, pero apenas saben nada de amor e amizade. Corren pola vida absorbidos por mil tarefas e preocupacións, pero esqueceron que estamos feitos para a alegría.
Por iso, algo esperta en nós cando escoitamos as palabras de Xesús: faleivos «para que participedes do meu gozo, e o voso gozo sexa completo». A nosa alegría é fráxil, pequena e está sempre ameazada. Pero algo grande se nos promete. Poder compartirmos a alegría mesma de Xesús. A súa alegría pode ser a nosa.
O pensamento de Xesús é claro. Se non hai amor, non hai vida. Non hai comunicación con el. Non hai experiencia do Pai. Se falta o amor na nosa vida, non queda máis que baleiro e ausencia de Deus. Podemos falar de Deus, imaxinalo, pero non experimentalo como fonte de gozo verdadeiro. Entón o baleiro énchese de deuses falsos que toman o posto do Pai, pero que non poden facer brotar en nós o verdadeiro gozo que o noso corazón anhela.
Quizá os cristiáns de hoxe pensamos pouco na alegría de Xesús e non aprendemos a «gozar» da vida, seguindo os seus pasos. As chamadas súas a buscarmos a felicidade verdadeira perdéronse no baleiro talvez porque seguimos obstinados en pensarmos que o camiño máis seguro de atopala é o que pasa polo poder, o diñeiro ou o sexo. A alegría de Xesús é a de quen vive cunha confianza limpa e incondicional no Pai. A alegría de quen sabe acoller a vida con agradecemento. A alegría de quen descubriu que a existencia enteira é graza.
Pero a vida extínguese tristemente en nós se a gardamos para nós sos, sen acertarmos a regalala. A alegría de Xesús non consiste en gozarmos egoistamente da vida. É a alegría de quen dá vida e sabe crear as condicións necesarias para que medre e se desenvolva de xeito cada vez máis digna e máis sa. Velaquí un dos ensinos clave do Evanxeo. Só é feliz quen fai un mundo máis feliz. Só coñece a alegría quen sabe regalala. Só vive quen fai vivir.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire