NON BAIXES DA CRUZ
Segundo o relato evanxélico, os que pasaban diante Xesús crucificado moqueábanse del e, ríndose do seu sufrimento, facíanlle xestos sarcásticos: se es Fillo de Deus, «sálvate a ti mesmo» e baixa agora mesmo da cruz.
Esa é exactamente a nosa reacción ante o sufrimento: salvarnos a nós mesmos, pensar só no noso benestar e, por conseguinte, evitar a cruz, pasarmos a vida sorteando todo o que nos pode facer sufrir. Será Deus tamén coma nós? Alguén que só pensa en si mesmo e na súa felicidade?
Xesús non responde á provocación dos que se burlan del. Non pronuncia palabra algunha. Non é o momento de dar explicacións. A súa resposta é o silencio. Un silencio que é de respecto a quen o desprezan e, sobre todo, de compaixón e amor.
Xesús só rompe o seu silencio para dirixirse a Deus cun berro esgazante: «Meu Deus!, meu Deus!, por que me abandonaches?». Non pide que o salve baixándoo da cruz. Só que non se oculte nin o abandone neste momento de morte e sufrimento extremo. E Deus, o seu Pai, permanece en silencio.
Só escoitando até o fondo este silencio de Deus descubrimos algo do seu misterio. Deus non é un ser poderoso e triunfante, tranquilo e feliz, alleo ao sufrimento humano, senón un Deus calado, impotente e humillado, que sofre connosco a dor, a escuridade e até a mesma morte.
Por iso, ao contemplar ao Crucificado, a nosa reacción non pode ser de burla ou desprezo, senón de oración confiada e agradecida: «Non baixes da cruz, Señor. Non nos deixes sós na nosa aflición. De que nos serviría un Deus que non coñecese os nosos sufrimentos? Quen nos podería entender?».
En quen poderían esperar os torturados de tantos cárceres secretos? Onde poderían pór a súa esperanza tantas mulleres humilladas e violentadas sen defensa algunha? A que se agarrarían os enfermos crónicos e os moribundos? Quen podería ofrecer consolo ás vítimas de tantas guerras, terrorismos, fames e miserias? Non. Non baixes da cruz, pois, se non te sentimos «crucificado» cabo de nós, verémonos máis «perdidos».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



