MISTERIO
DE ESPERANZA
Crermos no Resucitado é resistirnos a aceptarmos que a nosa vida é só unha pequena paréntese entre dous inmensos baleiros. Apoiándonos en Xesús resucitado por Deus intuímos, desexamos e creemos que Deus está conducindo cara á súa verdadeira plenitude o anhelo de vida, de xustiza e de paz que se encerra no corazón da humanidade e na creación enteira.
Crermos no Resucitado é rebelármonos con todas as nosas forzas a que esa inmensa maioría de homes, mulleres e nenos que só coñeceron nesta vida a miseria, humillación e sufrimento fiquen esquecidos para sempre.
Crermos no Resucitado é confiarmos nunha vida onde xa non haberá pobreza nin dor, ninguén estará triste, ninguén terá que chorar. Por fin poderemos ver aos que veñen en pateras que chegan á súa verdadeira patria.
Crermos no Resucitado é achegármonos con esperanza a tantas persoas sen saúde, doentes crónicos, discapacitados físicos e psíquicos, persoas afundidas na depresión, cansadas de viviren e de loitar. Un día coñecerán o que é viviren con paz e saúde total. Escoitarán as palabras do Pai: «Entra para sempre no gozo do teu Señor».
Crermos no Resucitado é non resignármonos a que Deus sexa para sempre un «Deus oculto» do que non podamos coñecer a súa mirada, a súa tenrura e os seus abrazos. Atoparémolo encarnado para sempre gloriosamente en Xesús.
Crermos no Resucitado é confiarmos en que os nosos esforzos por un mundo máis humano e ditoso non se perderán no baleiro. Un día feliz, os últimos serán os primeiros e as prostitutas precederannos no reino.
Crermos no Resucitado é sabermos que todo o que aquí quedou a medias, o que non puido ser, o que temos estropeado coa nosa torpeza ou o noso pecado, todo alcanzará en Deus a súa plenitude. Nada se perderá do que vivimos con amor ou ao que renunciamos por amor.
Crermos no Resucitado é esperarmos que as horas alegres e as experiencias amargas, as «pegadas» que deixamos nas persoas e nas cousas, o que construímos ou gozamos xenerosamente, ficará transfigurado. Xa non coñeceremos a amizade que termina, a festa que se acaba nin a despedida que entristece. Deus será todo en todos.
Crermos no Resucitado é crermos que un día escoitaremos estas incríbeis palabras que o libro da Apocalipse pon na boca de Deus: «Eu son a orixe e o final de todo. A quen teña sede eu dareille gratis do manancial da auga da vida. Xa non haberá morte nin haberá choros, non haberá gritos nin fatigas, porque todo iso pasaría».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire